O pasado venres 2 de xuño mulleres da vila de todas as idades e de tódolos ámbitos xuntábanse no soto da Casa Dopeso para comezar a dar forma ao que será o movemento feminista da nosa vila.
Adoptando o formato de “mesa de traballo” pretendíase favorecer a participación de todas as presentes, como así aconteceu, aportando cada unha das asistentes os seus coñecementos, experiencias e ideas, que enriqueceron o debate.
Entre as conclusións e acordos que se acadaron, destacamos a necesidade de concienciación da veciñanza nas cuestións de xénero, a necesidade de autoorganizarse para loitar unidas polos dereitos da muller, a necesidade de traballar pola igualdade en tódolos ámbitos (sociais, deportivos, laborais, etc.) da vila, con especial incidencia na educación, na visibilización e na información a tódolos niveis, e a necesidade de abrirse e ampliarse a todas as mulleres do noso concello.
O colectivo xuntarase tódolos primeiros venres de mes, ás 20:00h, e está aberto á participación de TODAS as mulleres de As Pontes.
Máis información e actualizacións na páxina de Facebook “Colectivo Feminista As Pontes”
As Pontes, 4 de xuño de 2017
Colectivo Feminista As Pontes