Moción do BNG: MOCIÓN SOBRE DO CUMPRIMENTO DA LEI DA MEMORIA HISTÓRICA POLO CONCELLO DAS PONTES

D. Xaime Castro Paz, na súa condición de portavoz do Grupo Político Municipal do BNG no Concello das Pontes, e na súa representación, presenta a seguinte
MOCIÓN SOBRE DO CUMPRIMENTO DA LEI DA MEMORIA HISTÓRICA POLO CONCELLO DAS PONTES.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 52/2007 de 26 de decembro, coñecida popularmente como Lei da Memoria Histórica, ten como finalidade recoñocer e ampliar dereitos e establecer medidas en favor de quenes padeceron persecución ou violencia durante a Guerra Civil e a Ditadura.
Esta lei, no seu artigo 15, estabelece que as administracións públicas, dentro do exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura.


Na sesión extraordinaria do 30 de novembro de 1950 foron concedidas unha medalla de ouro e dúas de prata da Vila das Pontes ao ditador Francisco Franco, a José Antonio Girón de Velasco, un dos seus ministros de traballo, e ao xeneral Constantino Lobo Montero, respectivamente, distincións que o Concello das Pontes mantén vixentes.
Para o BNG, manter estes nomes e estas distincións significa exaltar un réxime opresor que se caracterizou pola falla de liberdades e que promoveu valores totalmente opostos aos valores democráticos, de xustiza e igualdade e de respecto á pluralidade e á diferenza.
Por todo o exposto con anterioridade, e en cumprimento do establecido na lexislación vixente, o Grupo Político Municipal do BNG propón ao Pleno do Concello das Pontes adoptar o seguinte
ACORDO
ÚNICO.- O Pleno do Concello das Pontes acorda a retirada das medallas de ouro e de prata da Vila das Pontes ao ditador Francisco Franco, a José Antonio Girón de Velasco e a Constantino Lobo Montero.
As Pontes, 02 de xaneiro de 2009
O PORTAVOZ DO G.P.M. DO BNG
Asdo.: Xaime Castro Paz

También podría gustarte
Comentarios