Nota de prensa BNG: Festas, carpas, soldos, … e a Residencia para cando?

Dende que o goberna o PSOE nas pontes perdemos 1.600 habitantes no tramo de 16 até 64 anos (idade laboral), e houbo un aumento da poboación maior de 64 anos, que agora supón o 23% do total das Pontes, polo que, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), precisaríamos 120 prazas de Residencia.

Só no que vai de ano, o BNG presentou dúas mocións para a posta en marcha deste servizo que foron rexeitadas polo PSOE, a última neste mes de novembro que foi cualificada como “oportunista” pola alcaldesa en funcións.

Por que en case que 12 anos de goberno o PSOE non foi quen de poñer a andar a Residencia?

Sería por cartos?

No Plan do Carbón tiñan uns 5 millóns de euros; pero gobernando Valentín non houbo un só investimento do Plan do Carbón nas Pontes, e iso que nalgún momento coincidiu con gobernos do PSOE en Madrid.. Por outra parte, os orzamentos do Concello están sobre os 15 millóns de euros anuais, pero unha parte significativa vai para festas, carpas e subvencións que para o PSOE deben dar máis votos que a Residencia.

Ou por que non tiñan o proxecto?

Dous, a falta dun; dende o 2011 din que teñen un proxecto de Residencia para a parcela pública da Canle IV, que non tivo custo para o Concello. No 2016 o Alcalde encargou outro para a parcela privada do Hospitalillo.

Ou é que non tiñan onde?

Tampouco. O Concello ten unha parcela na Canle IV, preto do Centro de Saúde, céntrica, de fácil acceso, nunha zona de paseo, ampliada coas cesións xa feitas por Endesa; até hoxe foi usada para festas e para instalar circos.

Dende que aprobou o convenio con Endesa no 2016, o PSOE está a facer propaganda do Hospitalillo como o sitio ideal para a Residencia, mais, na actualidade, é unha propiedade privada, non incluída no convenio; tamén se chegou a falar … das oficinas do Tesouro¡¡¡

Entón, se temos parcela municipal ben situada, temos proxecto, e temos cartos: por que o PSOE non é quen de poñer a andar a Residencia?; por que está en contra das propostas do BNG?. Pois terá que ser porque non queren, non lles peta, “no les da el cuerpo”, teñen outras prioridades, están ocupados noutros asuntos, estarán á espera do próximo programa para as eleccións municipais.

Residencia e Presidente da Deputación

Hai Concellos, con capacidade económica, que están impulsando a súa propia Residencia, como é o caso de Cervo (Lugo). Cerceda (A Coruña) fixo a Residencia aproveitando o Plan do Carbón.
A Deputación de Lugo, gobernada tamén polo PSOE, apoiou a construción de Residencias en: Ribadeo, Castroverde, Pol, Trabada, A Fonsagrada, Pedrafita, Ribas do Sil, Becerreá, etc., algunhas xa rematadas e realizando os trámites de apertura, con prioridade para as persoas residentes neses concellos e na comarca.

Por iso, no último Pleno, o BNG solicitou do Presidente da Deputación da Coruña a colaboración co Concello das Pontes para implantar o servizo da Residencia de Maiores, co mesmo procedemento e nas mesmas condicións que o está a facer a de Lugo cos Concellos.

O PSOE votou en contra; cal é, logo, a compensación por non ter Alcalde nos últimos 4 anos, un circuíto de karts e, como moito, un campo de herba artificial?; ou é que o beneficio só é persoal, da súa particular promoción política?

Sabiades ………

… que a Xunta vai adxudicar o novo acceso cun prazo de execución dun ano e medio???
… que Endesa, ademais de pagar en cómodos prazos -tres anos-, vai aforrar, entre a baixa e a licenza, máis de medio millón de euros???
… que o PSOE ten sen reclamar licenzas e impostos de obras executadas por Endesa no 2014???
… que, no último período, só pagou as plusvalías quen o fixo de xeito voluntario???

Nota de prensa enviada polo BNG local

También podría gustarte
Comentarios