Amigus
As Pontes

Voceiro do BNG As Pontes

Voceiro do mes de novembro 2021

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

Transición Xusta e As Pontes

Se algo quedou claro nas Pontes é que a Transición “Xusta” non existe, e que non deixa de ser outra consigna máis creada por un Ministerio, o de Transición Ecolóxica, que está sendo un desastre para a economía de Galiza e do Estado; tampouco a Xunta ten achegado propostas construtivas, a súa política limítase a facerlle a oposición ao Goberno do Estado, como se a Xunta non tivese competencias en Industria.

Pero o máis preocupante para nós é o desleixo municipal, onde si podemos e debemos actuar.

Estamos certos que nas Pontes vaise instalar algunha industria, que moita falta fai; as mobilizacións, o feito de estar “petando” permanentemente nas portas das Administracións e, tamén, demandando de Endesa alternativas, vai provocar que se consiga algún obxectivo no campo da industria, o cal parécenos altamente positivo.

Pero a pregunta que nos facemos non é só o que podemos conseguir, senón o que tamén perdemos por non facer os deberes dende o ámbito municipal.

Para instalar calquera industria o primeiro que se necesita é solo industrial, e en 14 anos de goberno municipal, con maiorías absolutas, o PSOE non fixo nin un metro cadrado, e iso que xestionou inxentes recursos económicos.

Alá van máis de 8 millóns de euros

Temos como exemplo máis recente os máis de 8 millóns de euros que non foi quen de gastar en 2020 e que ven de liquidar neste mes ao comprometer case que 3 millóns, nos que non vai nada para a compra de solo industrial.

Nalgún caso poderemos paliar esta carencia de solo industrial recorrendo a algunha argucia que permite a lexislación galega e a posíbel venta de solo por parte de Endesa, pero non en todos; e iso supón perder oportunidades.

O futuro socioeconómico dunha vila, neste caso industrial, non se improvisa nin se fai dun día para outro, necesita dunha planificación e dun traballo permanente que, sen dúbida, nestes 14 anos nas Pontes non existiu.

Por iso, benvida a industria que podamos conseguir, é moi necesaria, pero somos conscientes que neste momento de cambio de ciclo na vida das Pontes chegamos sen os deberes feitos, e non sería por non ter avisado e por falta de propostas.

E tampouco para a Residencia

O da Residencia de Maiores vai camiño de converterse na recorrente promesa do PSOE: dende 2007 levan dicindo que van facela, e cada vez mellor e máis grande, xa deben ir polo terceiro ou cuarto proxecto (por certo, do mesmo arquitecto sempre), … pero nada de nada.

Mentres, concellos moito máis pequenos e con moitos menos cartos xa ofertan o servizo para as súas persoas maiores, que non precisan irse da súa vila.

Se fai un mes era A Fonsagrada, agora é Meira (uns 1700 habitantes e 2 millóns de euros de presuposto) quen vén de inaugurar o seu Centro de Atención a Maiores Santa María de Meira, con 30 prazas ampliables a 38, e cuns 25 empregos.

A Deputación de Lugo, ademais da súa construción cunha pequena aportación municipal, faise cargo do material (mobiliario e electrodomésticos), contrata os servizos básicos (cociña, limpeza, asistencia, …), e financia o 75% da diferenza entre o custe do servizo e o prezo que pagan as persoas usuarias.

Un Concello con perda de servizos: OMIC, Policía, …

Non só non se poñen en marcha servizos moi demandados dende hai anos, senón que tamén se perden outros, como é o caso da Oficina Municipal de Información ás persoas Consumidoras (OMIC), que vai meses sen funcionar, despois de máis de 30 anos, por non ter previsto e planificado este “triunfante” goberno municipal a xubilación da persoa responsábel da mesma.

Un servizo dos máis demandados e valorados que, lembremos, viña traballando pola defensa firme e constante dos dereitos e intereses individuais, nomeadamente diante das grandes compañías eléctricas, bancarias, financeiras, de telefonía, … A perda deste servizo vainos obrigar a acudir ás OMIC de Ferrol, de Ortigueira ou de Mugardos, as máis próximas que temos.

E outros servizos van diminuíndo, ata niveis alarmantes e preocupantes, como o da Policía Municipal, que dun cadro de persoal de 13 gardas, 2 oficiais e 1 inspector, pasou a 2 oficiais e 8 gardas -con 2 prazas sen cubrir-, o que deriva na imposibilidade de prestar o servizo de seguridade as 24 horas do día; son varias as ocasións nas que as chamadas á Policía Local non teñen resposta algunha diante de situacións como roubos, accidentes, agresións, …

Na actualidade, o Concello ten no seu persoal 16 prazas vacantes, e ten pendente a oferta pública de emprego de 2018 (4 administrativa/os, 1 auxiliar biblioteca, 5 policías locais, e 2 conserxes -de promoción interna-), oferta que caducará o 31 de decembro deste ano.

É preciso recordar que o orzamento que manexa o Concello é de máis de 25 millóns de euros, que inclúen os gastos das dedicacións exclusivas e do persoal de confianza -máis de medio millón anual-.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios