Nota de prensa do BNG: A que veñen?

O martes 13 teremos nas Pontes ao Presidente da Xunta, nunha visita promocional dunhas dúas horas, acompañado polo Presidente de Endesa e polo Alcalde.

Novo Acceso

Sería unha boa data e un bo momento para que Xunta e Endesa (e o Concello, colaborador necesario) recoñeceran o seu erro e fixeran público o seu compromiso de executar o novo acceso en substitución da estrada da Central por un procedemento de urxencia, de xeito que estivera operativoen 2019, e non máis aló de 2020 como teñen previsto.

Por certo, tamén podería anunciar que o importe das posíbeis baixas na adxudicación das obras e o equivalente á cantidade que lle aforran en taxas e tributos polas licenzas a Endesa, serán investidos en obras de mellora.

Plano de Desenvolvemento

Tamén sería unha boa data e un bo momento para acordar con Endesa a posta en marcha, de novo, do Plano de Desenvolvemento, liquidado, de xeito unilateral, pola empresa (coa complicidade da Xunta e do Concello), en novembro de 2012, cando contaba cun fondo duns 4 millóns de euros, ao “… dar por concluída y completada satisfactoriamente su aportación al Plan …”, decisión prepotente, irresponsábel, de agresión aos intereses das Pontes, e desconexa da realidade.

Oferta Formativa

Tamén podería anunciar Feixóo a ampliación da oferta formativa para o vindeiro curso, en colaboración con Endesa, como o ciclo formativo de grao superior de Centrais Eléctricas, da familia de Enerxía e Auga, ou algún outro aínda non implantado na Galiza.

Tributos Locais

Tamén podería aproveitar o Alcalde para demandar da empresa eléctrica o pago das taxas e impostos municipais -non reclamados polo Concello- das obras e actuacións executadas dende 2007 por máis de 40 millóns de euros.

Lago-Escombreira

E poderían asinar un compromiso a Xunta, o Concello, e Endesa para planificar e executar un plan de usos e xestión do conxunto lago-escombreira.

Residencia Xeriátrica

Tamén sería unha boa data e un bo momento para que o Concello puxera a disposición da Xunta algún dos proxectos e os terreos necesarios para iniciar xa a construción da Residencia Xeriátrica, coa colaboración de Endesa.

Fondos Miner

Tamén sería unha boa data e un bo momento para que a Xunta e o Concello estabeleceran unha defensa conxunta dos intereses das Pontes na recuperación dos máis de 50 millóns de euros do Plano do Carbón que non se investiron nas Pontes.

Convenio Colectivo Endesa

E o Alcalde podería lembrarlle ao Presidente de Endesa que a proposta de eliminación dalgún Beneficio Social no Convenio de Endesa pode ter unha enorme repercusión negativa en moitas familias do pobo.

Orzamentos da Xunta

Que mellor momento para que o Alcalde reclame investimentos da Xunta nas Pontes, dende que goberna Feixóo non realizou ningún significativo, máis ben todo o contrario.

Mais, de seguro que Feixóo non ven co propósito colectivo e social que necesita As Pontes, se non que o fará cunha intención individual e persoal de continuar coa súa xa iniciada carreira cara á sucesión de Raxoi.

También podría gustarte
Comentarios