Amigus
As Pontes

Nota de prensa XPAP: PLENO EXTRAORDINARIO URXENTE DO 24 DE SETEMBRO

Xunt@s por As Pontes decidiu a NON asistencia ao Pleno Extraordinario Urxente celebrado esta mañá, luns 24 de setembro.

Os motivos:

O pleno que se celebrou esta mañá consistía en correxir erros que contiña o documento de modificación puntual das Normas Subsidiarias de As Pontes no ámbito da Canle IV, aprobado o pasado 26 de xullo.

A premura, oscurantismo e falta de transparencia cos que se levou esta modificación urbanística, que consiste na recalificación duns terreos rústicos para construir unha urbanización privada, é unha constante dende os seus inicios.

Esta plataforma veciñal xa manifestou no Pleno Extraordinario Urxente do 26 de xullo a súa posición contraria á modificación puntual das NNSS no ámbito da Canle IV, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.xuntosporaspontes.com/2018/07/27/mod-nnss-canle-iv-coop/

O documento que hoxe se aprobou consiste na corrección de erros detectados en canto á instalación de redes e sistemas de telecomunicación. Non supón unha modificación sustancial do texto aprobado inicialmente que nos faga mudar a nosa posición.

O equipo de goberno, liderado por Valentín González Formoso, adoita empregar a súa maioría absoluta segundo mellor lle conveña, abusando dos procedementos e dos prazos legalmente establecidos.

Os plenos e as comisións deben celebrarse nos días sinalados ao comezo do mandato, datas coas que as nosas concelleiras teñen a responsabilidade e o compromiso de asistencia. Toda outra actividade extraordinaria debe de comunicarse cunha antelación mínima. En ningún caso un venres pola tarde para o luns ás 8 da mañá.

Como vimos comprobando nos últimos tempos, os plenos cada dous meses resultan insuficientes para a actividade dun Concello coma o noso, polo que animamos ao equipo de goberno a ampliar o número de sesións plenarias ordinarias.

Máis información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios