Nota de prensa XPAP: Xuntos por As Pontes posiciónase en contra da compra da rotopala a Endesa

Nos últimos días coñeciamos pola prensa a decisión unilateral do PSOE local de compra dunha rotopala a Endesa por valor de máis de 300.000 euros.

Valéndose da súa maioría absoluta, o PSOE pontés volta a facer das súas artellando en conivencia coa empresa ENDESA a COMPRA dunha máquina procedente da explotación mineira e que estaba previsto destinar a chatarra.

A rotopala valórase en 251.031,00 euros, ao que hai que aplicarlle o IVE do 21%, resultando un importe total de compra de 303.746,30 euros. Gastos notariais a parte. A máquina véndese no estado actual de conservación, sen a realización de ningunha tarefa de mantemento nin restauración, correndo éstas a cargo tamén do Concello, é dicir, de todas nós.

Dende esta plataforma valoramos negativamente esta compra ou calquera outra de activos procedentes da explotación mineira. Cremos que é inadmisible investir os fondos públicos en recursos que serviron para o enriquecemento exorbitado dunha empresa a costa do traballo duro e da saúde da veciñanza, ademais da contaminación do medio no que vivimos.

Dende Xunt@s por As Pontes defendemos a posta en valor do noso patrimonio industrial, mais ten que ser coa colaboración desinteresada de Endesa, ao igual que ven facendo noutros lugares coma Ponferrada.

A propia empresa debería ceder de xeito gratuíto os activos precisos e en perfecto estado de conservación como condición imprescindible para que o Concello os asumise. Debería, do mesmo xeito, colaborar na recuperación da memoria histórica desta vila e encargarse da construción dun museo para a exposición do traballo realizado nesta conca mineira.

E é que o PSOE pontés non sabe negociar (ou non lle interesa -por causas alleas ao noso coñecemento-), e coa súa incompetencia está levando a todo o Concello á ruina absoluta. Recentemente ven de asinar un convenio con Endesa que implica un gasto importante que teremos que afrontar entre todas; un convenio no que non se lles ocorreu engadir nin esta rotopala nin outras instalacións das que xa teñen incluso proxectos planificados, coma por exemplo o antigo hospitalillo.

Máis información en xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios