Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes alerta do deterioro da atención sanitaria na nosa vila

Nos últimos días varias veciñas da vila achegáronse ata esta plataforma para advertir de que o centro de saúde non está a funcionar do xeito habitual. Denuncian que non se están cubrindo as vacacións nin as baixas dos médicos e que as citas para consulta se están poñendo con prazos que rondan os 15 días de agarda.

Nos últimos días varias veciñas da vila achegáronse ata esta plataforma para advertir de que o centro de saúde non está a funcionar do xeito habitual. Denuncian que non se están cubrindo as vacacións nin as baixas dos médicos e que as citas para consulta se están poñendo con prazos que rondan os 15 días de agarda.

Dende o Centro de Saúde local confírmase a esta plataforma que nestes intres é certo que hai un médico de baixa e outro de vacacións. “Un dos principais problemas é que as baixas dos profesionais non son cubertas de xeito sistemático, o que produce que, a pesares da dilixencia dos demais facultativos:

1.- aumenten os tempos de espera ata niveis alarmantes, con citas que se dan entre 15 ou 20 días despois de ser solicitadas;
2.- se comprometa a seguridade dos doentes, pois a rotación continua dos médicos impide que se faga un seguimento axeitado e efectivo das enfermidades;
3.- se sobrecarguen as consultas, provocando que na mesma xornada laboral se teñan que atender o dobre de persoas, coa consecuencia evidente da merma na calidade da atención sanitaria. 
4.- se dilaten no tempo as análises, necesarias na prevención e seguimento de moitas enfermidades;
5.- se obrigue á veciñanza a acudir ao centro de referencia comarcal (en Ferrol) para ser atendidos no servizo de urxencias”.

Isto ocasiona un grave perxuízo nas persoas que acoden ao centro de saúde, pois non son atendidas nin polo seu médico nin co rigor e calidade debidas. Problema que se agrava nas usuarias do servizo de atención a domicilio, xa que teñen que agardar a que os profesionais dispoñan de tempo para poder desprazarse polo extenso territorio do noso concello, o que conleva complicacións e retrasos nos tratamentos.

Recoméndase que as persoas afectadas realicen unha reclamación no servizo de Atención ao Paciente para que a Administración sexa coñecedora do problema. Dende o centro de saúde aseguran que “cantas máis reclamacións se faigan, máis datos concretos terán no Sergas sobre as persoas afectadas e o alcance do problema”.

Polo tanto, dende Xunt@s por As Pontes facemos un chamamento á veciñanza afectada para que formule unha reclamación no servizo de Atención ao Paciente denunciando: a falta do seu médico e, no seu caso, que a cita que se lle deu é para un prazo que supera os 14 días.

Outro dos problemas que vimos denunciando nos últimos tempos é a supresión de prazas, como a de xinecoloxía, que se converte en medicina especializada para as mulleres da nosa vila, obrigándoas a desprazarse ata Ferrol ou a acudir a profesionais privados.

Non falamos só de recortes no sistema sanitario por supresión de prazas ou por carencia de medios,  senon porque tampouco se está convocando a oferta de prazas públicas suficiente para atender correctamente ás usuarias. A isto, hai que engadir o avellentamento dos profesionais, non só na nosa localidade senon en todo Galicia, cun grande número en idades próximas á xubilación. Dende a Xunta e o Sergas teríase que estar abordando este problema de xeito inmediato, cousa que non se está facendo nin se espera.

Polo tanto, demandamos que se dote o centro de atención primaria cos recursos humanos e materiais necesarios para unha atención óptima ás persoas que se acheguen a demandar o seus servizos.

Dende Xunt@s por As Pontes decidimos poñer en coñecemento dos responsables da área sanitaria no Concello esta situación na que se atopa o centro de atención primaria do noso municipio.

Valoramos tamén a posibilidade de adoptar medidas de presión ante os órganos correspondentes se non se atende o servizo de xeito efectivo e eficiente nos vindeiros días.

Máis información en www.xuntosporaspontes.com 

También podría gustarte
Comentarios