Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes critica o peche da AC-861 sen abrir previamente o vial que a substitúa

Xunt@s por As Pontes critica o peche da AC-861 no tramo que pasa por diante da central térmica cando o novo vial de acceso, previsto precisamente para asumir todo o tráfico desta estrada, aínda está sen construir.

Durante a fin de semana a Xunta de Galicia anunciou que este xoves día 15 pechará “a estrada AC-862 no treito ao paso da central térmica de As Pontes” (existe un erro, pois esta estrada é a AC-861).

No mesmo comunicado, a Xunta asume que a “funcionalidade desta estrada será substituída polo trazado en variante que se está proxectando”, indicando que o proxecto da variante aínda se atopa en “fase de supervisión técnica”. Tamén falta que se inicie o proceso expropiatorio (que levará o seu tempo) e a licitación das obras. Polo tanto, queda aínda un proceso longo por diante ata que se comece a construir o novo vial.

Fálase na comunicación da Xunta de que nos 5 primeiros meses se executará un primeiro tramo da variante, pero nada se dí de cándo comeza a contar este prazo. O lóxico é que comece unha vez adxudicada a obra. Polo tanto, non son 5 meses a partires de febreiro, senon que contan a partires de que a obra se adxudique.

Resumindo, este xoves pecha a estrada que se atopa nas inmediacións da central térmica, pero da nova variante que debería estar xa en estado de apertura á circulación:

• non está aprobado o proxecto

• non se sabe cándo comezarán as obras

O orzamento da Xunta para o 2018 só adica 500.000 euros dos máis de 3,5 millóns de custe total. De feito, no propio orzamento estímase que non se rematarán as obras ata o 2020.

É dicir, cando rematen as obras da variante xa terán rematado tamén as obras da central que orixinan o peche da AC-861.

Por se isto fose pouco, a semana pasada coñeciamos a decisión do equipo de goberno local de comezar coas obras de remodelación da Avenida de Galicia, tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Rúa Alexandre Bóveda. Decisión esta do goberno local moi pouco acertada, pois non é unha obra urxente e ademáis coñecían xa dende fai meses que o peche da AC-861 se produciría en febreiro, que a variante está sen executar e que gran parte do tráfico que soportaba esta vía o asumirá o centro da vila.

Dende esta plataforma veciñal preguntámonos:

• se non se tratase de Endesa, asumiríase que a Xunta pechase unha arteria fundamental de comunicación da nosa vila sen ter outra alternativa que soporte a gran cantidade de tráfico que circula por este tramo?

• está actualmente o centro da nosa vila adaptado para recibir esta cantidade de tráfico? Cómo van evitar que non se convirta nun caos circulatorio? Cómo se vai garantir a seguridade?

Endesa neste Concello sempre fixo o que lle deu a gana e ninguén lle esixiu ningún tipo de responsabilidade. Con este goberno local do PSOE e, como vemos tamén coa Xunta do PP, no canto de que a empresa deixe beneficios no pobo parece que somos os ponteses e pontesas as que temos que poñer cartos e agora tamén a nosa propia seguridade para que o seu negocio vaia ben.

As Pontes, 12 de febreiro de 2018
Xunt@s

Máis información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios