Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes celebra o 1 de maio reivindicando traballos e salarios dignos na nosa terra
A Plataforma Veciñal celebrou hoxe un acto no que reivindicou traballos con salarios dignos na nosa terra, a igualdade real da muller no ámbito laboral e unhas pensións públicas que permitan rematar a vida con dignidade.
Xunt@s por As Pontes, dándolle continuidade ao compromiso que adquiriu coas veciñas e veciños o 1 de maio do 2015, homenaxeou no día da clase obreira a tódalas persoas que perderon a vida en accidentes laborais ou por enfermidades derivadas de xeito directo ou indirecto do desenvolvemento das súas funcións profesionais.
Xornada de loita e reivindicación, marcada especialmente este ano polas protestas a prol dunhas pensións dignas, a loita polos dereitos, garantías e igualdade real da muller no ámbito laboral e as protestas dos veciños e veciñas para reclamar os seus dereitos laborais e sociais que tiñan conveniados con Endesa e que agora Enel pretende desmantelar. Denunciáronse as cifras de desemprego e esixiuse das institucións o efectivo cumprimento das prerrogativas constitucionais, a derrogación da vixente Lei Laboral promovida polo PP, e a fin da precariedade.
A plataforma veciñal aposta pola defensa dos sectores productivos do concello, polo crecemento económico da contorna, polo incremento do emprego de calidade e por unhas condicións laborais e sociais dignas.
“Estamos hoxe aquí reclamando o dereito ao traballo, poder ter un emprego con salarios dignos que nos permitan vivir na nosa terra, retornar á nosa terra se tivemos que emigrar, igualdade no acceso ao posto de traballo e non discriminación laboral de ningún tipo, e ademais poder cotizar suficiente para ter aseguradas as pensións dos nosos maiores de hoxe e dos nosos maiores de mañá.” apuntaron na lectura do manifesto.
Máis información en www.xuntosporaspontes.com