Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes reclama no Parlamento Europeo melloras no transporte público comarcal

A concelleira de Xunt@s por As Pontes María Chao ven de participar nas xornadas REALPE no Parlamento Europeo, convidada pola eurodeputada Lidia Senra.

Asistiron tamén os alcaldes de Manzaneda, Salceda e A Pobra, así como concelleiras e concelleiros de moitas localidades galegas.

Entre os temas que se abordaron: a xestión dos fondos de cohesión da UE, o dereito a un trasporte público de calidade, a garantía do dereito á auga e cómo combater o despoboamento.

Precisamos máis equilibrio e eficiencia no reparto de fondos, e máis control na súa execución. Tamén queremos un modelo de transporte público realmente vertebrador, en beneficio da sociedade e do medio.

Esta xornada de debate da esquerda europea, e do traballo realizado a nivel local, está a reafirmar que temos que dar a batalla do propio acceso aos fondos,recuperar a capacidade produtiva a través da relocalización da produción e da creación de empresas, e recuperar os mercados que no seu momento perdimos a favor dos Estados máis ricos da UE.

No relativo ao noso concello e a nosa comarca, centrouse a intervención na deficiencia do transporte público, destacando a necesidade dunha mellor interconexión entre as localidades e capital da área de influencia (Ferrol), e tamén nas propias parroquias do concello de As Pontes, sen esquecer a necesidade de mellorar a rede de tren de cercanías. Debe primarse o dereito dos veciños e veciñas a un transporte público, eficaz e eficiente. “Non podemos permitir que haxa persoas que teñan que escoller entre chegar a fin de mes ou pagar 60€ de taxi para ir ata o hospital”.

Ademáis tamén tivo ocasión de denunciar a inexistencia dun transporte metropolitano por mar na ría de Ferrol operativo durante todo o ano (e non so no verán orientado ao turismo), con horarios adaptados ás necesidades da xente destas localidades. “Os dereitos das persoas deben de poñerse sempre por encima dos intereses do capital e do lucro de determinadas empresas”.

Nos vindeiros días, o grupo municipal de Xunt@s por As Pontes presentará por rexistro no Concello os acordos acadados para que se esixan formalmente ás institucións correspondentes.

As Pontes, 29 de xuño de 2018

Más información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios