Nota Informativa reunión Auxiliares de Endesa coa Dirección da empresa

Hoxe mantivemos unha reunión coa Dirección de Endesa-As Pontes na que, por decisión da propia Endesa, non puido estar presente unha representación directa dos traballadores/as das Compañías Auxiliares, asistindo só, por este motivo, as Organizacións Sindicais.

 Logo dunha explicación moi profunda e detallada sobre a situación actual e a súa repercusión no normal funcionamento da Central Térmica de Carbón: 

• Prezo do CO2. 
• Custe do céntimo verde só para as centrais de carbón (as de Ciclo Combinado non teñen este imposto dende outubro de 2018). 
• Significativas perdas económicas, ante a falta actual de produción. 

A Dirección tamén explicou, despois de cuantificar o importante investimento actual na Central Térmica, as alternativas que estaba traballando para saírmos desta falta de produción: 

• Buscar carbóns máis baratos no mercado internacional. 
• Probar o emprego de lodos de depuradoras (hoxe facían a primeira proba) e de biomasa (pellets), pois estes combustibles non paga polo CO2. 
• Intentar conseguir o dereito a Pagos por Capacidade, que depende da decisión das Administracións Públicas e que tardaría varios anos, para o cal tería que baixar, case na metade, o actual nivel de emisións. 

Pero tamén recoñece que estas posibles solucións, de ter éxito, só poderían significar o funcionamento da metade das horas anuais. 

Como medidas inmediatas para reducir os gastos da Central Térmica, decidiron anular os traballos previstos na parada programada do Grupo 2. 

Ademais queren reducir gastos no mantemento normal, pois consideran que se a Central non funciona, precisa de menos revisións. 

De feito, comunícannos que xa están comunicando a necesidade de traballo ás Compañías Auxiliares, nunha redución que estiman no entorno do 50-60% (refírese aos traballos contratados, non directamente aos postos de traballo), pero que vai ter efectos evidentes nos traballadores/as das auxiliares. 

Sobre a formación prevista para o persoal propio, a intención máis inmediata da Dirección de Endesa é cubrir prazas no Ciclo Combinado de Gas, tamén en coñecemento de renovables, pois podería ser o futuro deste persoal e, como última medida, en formación en mantemento, para rescatar traballo das auxiliares e porque, ademais, non vai seguir mantendo persoal a turno cando está sen traballo real. 

Dende as Organizacións Sindicais, ademais de asumir a crítica situación actual, demandamos que Endesa dese un tempo (logo de máis de 40 anos de beneficios, 3 meses de perda non poden poñer en cuestión a todo un pobo), e que, nese tempo, non se tomasen medidas traumáticas que afecten ao emprego, para poder comprobar as variacións do mercado de CO2, e que ademais nos permita demandar das Administracións Públicas unha resposta e, tamén, cobertura sobre os efectos que, por decisións políticas, vai ter na Centrais de Carbón o proceso da denominada “descarbonización”, que sempre vén acompañado dunha denominada “Transición Xusta” que a aos traballadores/as das auxiliares, se non o evitamos, pode chegarnos tarde. 

Seguiremos informando. 

También podría gustarte
Comentarios