Nota de prensa do BNG: O BNG DENUNCIA IRREGULARIDADES NA CONTRATACIÓN DE OBRAS.
O goberno municipal do PSOE non só executa obras sen contratar, tamén as inaugura.
As Pontes, 10 de agosto de 2013.- Alterar as condicións de contratación, fraccionar contratos e executar obras sen contrato son algunhas das irregularidades que están a producirse no Concello das Pontes por parte do goberno municipal.
Fai un ano, o 7 de agosto de 2012, a Xunta de Goberno Local adxudicaba a obra Pavimentación da calzada na Avda. de Ferrol por 135.635,79 e 2 meses de execución.
No Pleno do 26 de xuño o Concello comprometía case que 1,5M para, entre outros conceptos, acometer un conxunto de obras; a proposta do BNG de agrupalas e executar as de maior cantidade de man de obra polo propio Concello, coa contratación de persoal, como unha das medidas municipais inmediatas para a creación de emprego, a reactivación económica e apoio social, foi rexeitada polo PSOE, quen a cualificou de ilegal.
Unha das actuacións descritas era a denominada Pavimentación R/ enlace Av. Ferrol e Ortigueira mediante adoquín prefabricado, cun orzamento de 35.518,95, segundo a memoria de maio de 2013.
A dispoñibilidade dos fondos para poder contratar as obras requiría dun trámite previo, que remataba coa publicación dun anuncio no boletín da provincia o 1 de agosto (http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2013/08/01/2013_0000009908.html). Porén, o 19 de xullo, co inicio das festas, nos medios de comunicación locais, publicítabase a inauguración no día anterior da Avenida de Ferrol que, segundo os medios, … xa se atopa oficialmente rematada … (http://www.aspontes.com/gal/as-pontes/novas/get/tag:blogger.com,1999:blog-8081907381644012788.post-6202763473327055934).
Para o BNG, dita irregularidade podería presentarse tamén noutras obras e subministros do mesmo expediente. Mais non sería a primeira vez, xa que, fai pouco máis dun ano, o PSOE utilizaba o mesmo método para regularizar administrativamente outras obras xa executadas ou en execución, como foi o caso da reposición de tubaxes de abastecemento na estrada DP-1802 Veiga da Cabana, da reubicación do depósito regulador de auga potábel de Espiñaredo, ou do alumeado no Bidueiral, as dúas últimas con máis irregularidades xa denunciadas polos nacionalistas.
O BNG ten solicitada unha Comisión dende o 8 de xullo para que o goberno municipal do PSOE informe do estado actual de cada unha das actuacións, convocatoria que, a día de hoxe, non se fixo.
Ao parecer, para o PSOE é ilegal crear emprego, mais non ten problema en executar e inaugurar obras sen contratar.
Asemblea Local do BNG das Pontes