Nota de Prensa BNG: A Celulosa do Alcalde das Pontes
Entre as dispares opinións vertidas sobre a resolución do Concurso Eólico, sorprenden as do Alcalde das Pontes que, logo de ter realizado múltiples promesas de asentamento de industrias, culpa agora do seu fracaso á Consellaría de Innovación e Industria.
Por rigor, debemos lembrar que o actual Alcalde das Pontes xa prometeu a instalación dunha celulosa nas eleccións municipais en maio de 2007; sen embargo, o actual Decreto Eólico de Galiza é de decembro de 2007 e a Orde pola que se convocou este concurso de marzo de 2008; xa que logo, cando facía as súas promesas electorais non se tiña o máis mínimo coñecemento sobre as posibilidades industriais ligadas ao sector eólico, posibilidades que, segundo as informacións dos medios, se concretaban na realización dun estudio técnico e económico sobre do posíbel traslado, e non na súa instalación nas Pontes como fala o Alcalde.
A resolución da Consellaría sérvelle tamén como desculpa sobre a perda do proxecto de Gonvaeolic; porén, a responsabilidade é de quen anuncia a implantación dunha empresa antes de que se resolva un concurso público cun baremo coñecido; aquí primou máis o interese en facer promesas que a responsabilidade e a prudencia.
Logo de tantos anuncios incumpridos sobre a creación de postos de traballo, nun engano máis quer lixar a resolución da Consellaría nacionalista de Industria.
O que xa non di o Alcalde das Pontes é se considera que os megavatios deberían concederse sen cumprir o baremo publicado, onde primase o favoritismo ou, dito doutro xeito, que outros prevaricasen para que el, que foi quen fixo alegremente as promesas, quedase ben socialmente.
Asemblea Local das Pontes, 30 de decembro de 2008