Nota de Prensa BNG: DECRETO DO CARBÓN: ONDE ESTÁ O ALCALDE DAS PONTES?

Namentres que as Administracións das comarcas beneficiadas pola medida do goberno do Estado se están a organizar e manifestar para presionar no seu favor, a Xunta e o Concello están ausentes e pasivas.
Para a reunión en réxime de autoconvocatoria celebrada onte no Ferrol estaban convocados, ademais das organizacións políticas e sindicais, os Alcaldes da Comarca. A non asistencia de representantes dos partidos de ámbito estatal era esperada, non só por cumprir as órdenes que reciben dende Madrid, senón tamén porque xa non é posíbel manter o seu dobre discurso. O PSOE e o PP de Ferrolterra parecen ter feito a súa elección neste asunto, e non a favor dos intereses galegos e da Comarca.
Porén, a non asistencia do Alcalde das Pontes non ten xustificación algunha; despois das roldas de imprensa co seu compañeiro de partido de Cerceda, dos artigos de opinión, dos acordos plenarios, …, todos eles en contra do decreto que fará co carbón o que xa se ten feito co naval, o máximo representante das pontesas e dos ponteses, a persoa que ten a obriga de defender sempre os nosos intereses, máis cando están a ser atacados, non só ten que estar, tamén ten que poñerse ao fronte, e amosar, no caso de tela, a súa capacidade para liderar. A súa ausencia é un acto de irresponsabilidade e de abandono de funcións.
No mes de xullo escribía nun diario que “contra ello me rebelo”, e que, polo tanto, faltaba á obediencia debida, que opoñía resistencia á actitude do PSOE de Madrid; todo parece indicar que cometeu un erro ortográfico, xa que, coa súa actitude e os seus feitos, o que está a facer é revelarse; é dicer, aparecer diante dos seus veciños e veciñas como o que relamente é.
Asemblea Local do BNG das Pontes

También podría gustarte
Comentarios