Nota de prensa BNG: PP E PSOE VOTAN EN CONTRA DA MOCIÓN DO BNG PARA QUE SE MODIFIQUE O DECRETO DO CARBÓN E PÉREZ BOUZA ACÚSAOS DE INCOHERENCIA CLAMOROSA
O senador do BNG pediu ao PSOE e ao PP cintura política para apoiar unha demanda de Galiza e repróchalles que digan unha cousa alá e outra distinta aquí e que ao final voten o que lles mandan as súas direcións de Madrid
Madrid, 2 Decembro 2010. O PP e o PSOE voltaron a deixar en evidencia as súas incoherencias e a súa falla de compromiso con Galiza, impedindo cos seus votos que o Senado aprobase a moción do BNG que instaba ao Goberno a modificar o Decreto do Carbón para evitar o negativo impacto sobre as térmicas galegas. O resultado da votación foi: 4 votos a favor e 22 en contra.
A Comisión de Industria da Cámara Alta debatía unha moción do senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza, que demandaba a revisión do Decreto do Carbón, e tamén a distribución equitativa entre todas as tecnoloxías da redución na produción que se producirá pola cota reservada á produción eléctrica con carbón español.
O BNG critica a PP e PSOE e a tardía reación da Xunta
Pérez Bouza rexeitou a proposta transaccional presentada polo PP porque en ningún momento cuestionaba o Real Decreto e só plantexaba medidas para aminorar as consecuencias. Vostés dín que o meollo do problema non é o Decreto, cando non é así e reprochou ao PP a tardía reación da Xunta que non presentou alegacións contra o Decreto, e presenta un recurso despois de que o fixeran as térmicas e a CIG.
No turno de réplica, Pérez Bouza mantivo un cruce de acusacións tanto co PP como co PSOE. Pediulles cintura política para apoiar unha demanda de Galiza. Pídolles coherencia porque a falla de coherencia nos seus discursos é clamorosa. Non se pode dicer unha cousa na Galiza e outra distinta en Madrid e subliñou a incongruencia de senadores elexidos por Galiza que van impedir cos seus votos a aprobación dunha moción que non vai en contra de ninguén. Reprochou a actitude de ambas organizacións políticas que logo votan o que lles mandan as súas direcións de Madrid.
Un Decreto que pón en perigo a actividade económica e os postos de traballo na Galiza
Na súa intervención, o senador do BNG puxo de manifesto o engano que a mesma denominación do Real Decreto contén posto que non está en perigo o subministro eléctrico no Estado español, non se fai o Decreto para garantir o subministro eléctrico que está sobradamente garantido con 90.000 megavatios de potencia instalada.
Daquela, cal é a razón de ser deste Decreto? Faise para resolver un problema na mineiría de Asturias, León e Aragón.
Pérez Bouza manifestou o acordo do BNG con que se axude a estes territorios, non cuestionamos a axuda a un sector pero si cuestionamos que se faga a costa doutro territorio que é Galiza. Un Decreto, afirmou, que se aprobou sen ter en conta as consecuencias negativas para as térmicas galegas.
Galiza, explicou, ten dúas térmicas, unha en As Pontes e outra en Meirama, que consumen carbón importado pero antes consumían carbón nacional até que se esgotou a materia. Entón o Goberno lles dixo que se adaptasen ao carbón importado porque era máis barato e menos contaminante. Pero o Goberno decidiu cambiar as reglas de xogo en metade do partido.
O problema, sinalou, redúcese ao feito de que hai grandes existencias do carbón español e o Executivo español decide axudar a uns territorios a costa de prexudicar ás térmicas galegas. Pérez Bouza demandou ao Goberno que avalie os danos que a aplicación do Decreto vai ter na Galiza. Uns danos que xa recoñecen todos, o PSOE, o PP, o Goberno e a Xunta. Máis é preciso modificar o Decreto.
Explicitou tamén a demanda do BNG de que se reparta entre todas as tecnoloxías de produción a cota reservada á produción con carbón español, en lugar de que afecte só ás térmicas alimentadas con carbón importado.
O senador do BNG amosou a preocupación dos nacionalistas galegos pola redución da actividade económica e pola perda de postos de traballo que a aplicación deste Decreto vai conlevar. Preocúpannos os mais de 150 camioneiros que transportan carbón e que verán afectada a súa actividade, e preocúpannos os postos de traballo das auxiliares e a repercusión negativa no comercio.