Amigus
As Pontes

Nota de prensa BNG: O BNG ESIXE A APERTURA DOS SERVIZOS PÚBLICOS DO CENTRO DE DÍA E DAS VIVENDAS EN ALUGUER NAS PONTES

O investimento dos máis de 2’5 M€ iniciouse en 2007; as 30 prazas e as 32 vivendas non contan con partida económica nos orzamentos da Xunta para 2011.
apertura_xa.jpg
As Pontes, 4 de febreiro de 2011.- Membros da Asemblea Local do BNG das Pontes colocaban hoxe unha pancarta no edificio da Xunta no que se encontra o Centro de Día e as vivendas interxeracionais, para reivindicar a súa posta en funcionamento.
As instalacións foron o resultado do traballo conxunto entre as Consellarías nacionalistas de Igualdade e Benestar e de Vivenda e Solo e do Concello das Pontes durante o goberno do BNG, iniciado coa cesión da parcela por parte da administración municipal.
O BNG foi o único que presentou emendas aos orzamentos da Xunta nos anos 2010 e 2011 para incluír partidas que posibilitarán a dotación interior dos dous servizos, emendas que foron rexeitadas polo PP, comportamento que evidencia a falta de interés da Xunta o que, xunto coa actitude de resinación e incompetencia do goberno do PSOE municipal, permiten adiantar a non apertura dos servizos a curto prazo.
Coa colocación da pancarta, o BNG inicia unha campaña de información e mobilización social para esixir a apertura inmediata duns servizos públicos que xa eran demandados en 2007 e que na actualidade, cun paro xuvenil no seu máximo e cos servizos asistencias do Concello superados pola demanda, son imprescindíbeis.

También podría gustarte
Comentarios