O CD AS PONTES XA É MATEMÁTICAMENTE EQUIPO DE PREFERENTE NORTE

O empate do Alondras en Cerceda no último suspiro descende ó As Pontes a falta de seis xornadas

Tras sete tempadas na máxima categoría do fútbol galego, o CD As Pontes despídese nesta 2016-17 cun panorama bastante incerto.

O empate esta tarde do Alondras de penalti en Cerceda fai que os azuis queden a 18 puntos do equipo de Cangas, con seis encontros por xogar, pero co goal average en contra, e ademais, rotundo, tras perder 8-0 no Morrazo.

A tempada en si resultou moi mala. Apenas se recordan outras con tan poucos puntos e tan poucos goles. De feito, no último descenso a Preferente, na campaña 2001-2002, o equipo só lograra 34 puntos, polos 21 actuais, e 30 goles, polos 23 que se levan agora, pero gañáranse nove partidos, este ano só se conseguiron catro triunfos e tres ante os últimos, e sobre todo, daquela o equipo descendera cinco puntos por detrás do Viveiro, que marcaba a criba da salvación, pelexando case ata os últimos instantes. Nesta campaña a diferenza de puntos con respecto ó primeiro dos salvados semella que será abismal ó remate de Liga.

Momentos clave foron moitos, pero sobre todo tres. As incomprensibles derrotas en Arousa, 3-2, marcando os de Vilagarcía dous tantos no tempo de desconto, e incluso fallando un penalti entremedias, ou o empate 2-2 en Vilalonga, marcando os locais os dous goles no tempo de desconto. Entre outras, todas esas perdas de puntos, fixeron que o equipo se fose descolgando, e outro pau moi duro foi que no reinicio da competición despois do parón de Nadal resultou un mazazo a derrota ante o Céltiga 0-1, ou o empate ante o Castro, 1-1, perdendo o último tren.

Outro apartado a destacar foi o mercado invernal, que apenas mellorou o que había, nun equipo xa de por si feito ás presas e a última hora. Co paso da competición, e coas lóxicas e conseguintes baixas por sancións ou por lesións, xornada tras xornada case daba a sensación de contar o equipo cos efectivos xustos. Un plantel que deu mellor sensación no primeiro tramo que neste último. Foron moi meritorias a segunda parte ante o Dubra na casa ou o primeiro tempo contra o Barco, equipo co que sen ir máis lonxe se perdeu 3-1 de visitante, e xogando cun máis.

Moita tristura queda entre os socios e afeccionados, poucos pero fieis, que ven ó seu club querido con sensación de certo abandono, cunhas categorías inferiores que foron saíndo cara adiante como puideron, algúns equipos, cos efectivos xustos, a masa social cada vez é menor, e o que máis doe é que un club, que non é ningún trasatlántico, pero que ten un presuposto bastante aceptable, unhas instalacións inmellorables, e a gran axuda do Concello, cando menos respecto a outros equipos, que, como mínimo, da para manterse, descenda cunha diferencia tan abismal. Sen ir máis lonxe, o recén estreado na categoría, Castro, equipo modestísimo pero moi ben traballado, pelexará ate o final para conseguir a salvación.

E todo isto, apenas sen ter noticias do club dende hai moito tempo. En definitiva, o As Pontes descende nunha campaña 2016-17 para chorar e esquecer.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios