O BNG pídelle ao Consistorio que expoña ao público as obras dos xardíns municipais

[Diario de Ferrol] No pleno municipal de carácter ordinario celebrado a finais da semana pasada no Concello pontés, o BNG solicitou ao final da sesión, no apartado dos rogos e preguntas, ao alcalde, Valentín González, que convocase de maneira urxente unha comisión de obras para poder coñecer as reformas que dende o Consistorio se están a facer no parque municipal. Segundo explican dende o BNG, parece que os traballos son de “aparente magnitude” polo que non entenden como ata o de agora dende o goberno local non se tivese informado ao respecto dos traballos os membros da corporación municipal.


Así, dende o BNG salientan que do proxecto da obra e do procedemento de contratación non foron informados ou consultados en ningunha das comisións ou órganos do Concello nos que ten participado o BNG. Ademáis, engaden, tampouco foron expostos ao público os citados traballos.
Os nacionalistas tamén denuncian que tras varios intentos fallidos por consultar o proxecto que se está a executar, -pediron información na sesión plenaria- non obtiveron ningunha resposta.
Dende a formación frontista solicitan que, “ante a ausencia de información e do impedimento á participación por parte dos responsables municipais”, se abra un período de exposición pública con copias dos citados proxectos nos edificios municipais. Tamén piden que o alcalde convoque de xeito urxente tódolos consellos locais de participación veciñal constituídos no Concello e que o alcalde dispoña os medios necesarios para recibir e estudar as suxerencias.

También podría gustarte
Comentarios