O Concello adxudica os primeiros proxectos que se acometerán a través do Fondo Estatal de Inversión Local

As once obras, nas que se investirán dous millóns de euros, serán acometidas por tres empresas do municipio.
[aspontes.org] O goberno municipal adxudicou hoxe once das obras que se realizarán con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local e que deixou en As Pontes unhas axudas por valor de 2.040.852 euros, coas que se pretende impulsar o emprego na zona.


Segundo anunciaron dende o equipo de goberno, o seu principal desexo é que estes traballos, nos que se investirán finalmente 2.011.652,49 euros, den comezo o antes posible.
Tres empresas locais faranse cargo dos diferentes traballos adxudicados nas últimas horas. Así as cousas, Cuíña S.A. realizará os traballos de aglomerado de varias rúas do casco urbano ( Cabo Pastor, Narón, Presa de Alende…) por 215.751,88 euros; construirá o paseo que unirá a Avenida de Galicia coa central de Ciclo Combinado por un total de 220.096,08 euros; encargarase da reposición de pavimentos e do sistema de abastecemento en varias zonas do casco urbano (Cal da Avelaíña, Canle IV…) adxudicado por 201.573,20 euros e, finalmente, tamén asumirá o asfaltado de varias pistas da zona rural (Turrillón – O Busto, Vilariño…) por 45.265,67 euros.
Sanmartín S.A. executará un total de catro proxectos, encabezados polo aglomerado de varias rúas tanto da zona urbana coma do rural (Marraxón, rúa Vicente Risco, rúa Vincallo…) adxudicado por 203.229,06 euros e a mellora do pavimentado da praza da Capela do Carme e da rúa Portorroibo, traballos licitados en 215.974,88.
Esta mesma empresa pontesa farase cargo tamén das obras de mellora do sistema de abastecemento e de pavimentación de varias rúas do municipio por 196.196,55 euros, e de varias actuacións no sistema de abastecemento e saneamento da rede municipal, adxudicados por 160.153,89 euros.
Canosa S.L asumirá os traballos de acondicionamento dos colexios Monte Caxado, A Magdalena e A Fraga, e que contarán cunha inversión de 206.485, 48 euros, e tamén da remodelación estética do colexio Santa María, proxecto adxudicado por 165.511,82 euros. Completan este paquete de obras a instalación dun novo parque infantil e outro biosaudable dirixido á terceira idade, que tamén acometerá Canosa S.L por un total de 181.413,98 euros.
Outros proxectos
Sen abandoar o capítulo de obras, o Concello ven de anunciar o inicio en vindeiras datas dos traballos de aglomerado da explanada de acceso ao encoro da Ribeira, operación que acometerá a empresa Endesa, xa que este espazo está baixo a titularidade da firma eléctrica.
O goberno municipal da así resposta ás demandas realizadas polo Grupo Xuvenil de Piragüismo que solicitou o arranxo deste acceso e que, tralas xestións con Endesa desenvolvidas polo Concello, será realizado pola firma Endesa Hidraulicas.

También podría gustarte
Comentarios