Concello de As Pontes. O Concello de As Pontes e a Universidade da Coruña (UDC) asinaron hoxe na cidade herculina un convenio de colaboura para o desenvolvemento dun programa de cooperación educativa.
Este acordo suporá a alianza do cabildo pontés e a UDC para estudar a posibilidades de desenvolvemento do proxecto do lago pontés.
A UDC queda, así, comprometida a incluir o desenvolvemento do lago como unha das asignaturas dentro do seu Máster de Urbanismo.
Deste xeito, os alumnos poderán asesorar e aportar ideas ó equipo no que tamén estarán representados o goberno municipal, a empresa Endesa, a Xunta de Galicia e as asociacións veciñais pontesas.
O alcalde Valentín González e o reitor da Universidade coruñesa, José María Barja, rubricaron hoxe o documento polo que os estudantes de terceiro curso das asignaturas de Proxectos e Urbanismo da escola Técnica Superior de Arquitectura, van realizar traballos de carácter práctico en emprazamentos urbanos da vila pontesa.
O interese principal desta iniciativa é a aportación á recuperación ambiental da zona da antiga mina onde, o ano vindeiro, se completará o enchido dun lago, para o que desenvolverán proxectos destinados a desenvolver urbanisticamente o seu entorno.
As 800 hectáreas de lago resultantes abren unhas enormes posibilidades de intervención, das que de momento se coñecen, a creación dunha praia próxima á Casilla, dúas illas para a aniñación de aves e dotación de embarcadoiros e pantaláns.
Os traballos elaborados polos alumnos poderán incluírse en publicacións especializadas, tamén en Alemania e Francia, pois no equipo de traballo tamén estarán presentes estudantes franceses e alemáns, que actualmente desfrutan de bolsas Erasmus na Coruña.
O acordo asinado esta mañá suporá un desembolso de 15.000 euros, en concepto de compensación económica polos gastos que xere.
A vixencia é dun ano, prorrogable automaticamente, senon é denunciado por ningunha das partes.