O BNG denuncia o efecto do decreto do carbón na suba da luz
Diario de Ferrol. O BNG presentou onte no Congreso e no Senado unha iniciativa parlamentaria na que denuncia que un dos custes que vai disparar o recibo da luz no vindeiro ano é o decreto do carbón. Os voceiros da formación en ambas Cámaras, Francisco Jorquera e Xosé Manuel Pérez, rexistraron unha pregunta na que demandan ó Goberno que reflexione e modifique a normativa para evitar o incremento da factura eléctrica.
A iniciativa presentada polos nacionalistas coincidía onte coa reunión da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos, que tiña na orde do día a aprobación da tarifa eléctrica de último recurso para 2011. Segundo o cálculo realizado pola Comisión Nacional de Enerxía (CNE) a semana pasada, o seu custe elévase no vindeiro ano un 10%, circunstancia que dende o BNG relacionan directamente cos efectos da aplicación do decreto que prima o emprego de carbón nacional sobre o importado.
A propia CNE, lembran dende o BNG, explicou que o aumento se debe en parte ás compensacións dos denominados pagos por capacidade. Isto é, os cartos que hai que desembolsar para compensar ás centrais afectadas pola aplicación do decreto, coma é o caso das térmicas das Pontes e Cerceda. A formación nacionalista reitera as súas críticas a este sistema de compensacións, ó tempo que insiste en defender o dereito a que as centrais galegas manteñan a actividade.
O BNG lembra que o Goberno pactou coas empresas eléctricas estas compensacións a cambio de retirar os recursos xudiciais que interpuxeron contra o decreto, pagos que se elevan a dez euros por megavatio/hora, e insiste no prexuizo que supón para os consumidores, que deberán pagar máis cara a electricidade. Por isto, os nacionalistas reclaman ó Goberno explicacións por esta decisión e pregúntanlle se non cre que traerá máis consecuencias negativas que positivas. Non resulta evidente que non so prexudica ás térmicas galegas senón a millóns de consumidores que van ter que pagar máis pola electricidade?, reza a pregunta.
Tamén insiste na demanda de que a cota reservada á produción eléctrica con carbón nacional se distribúa de xeito equitativo entre todas as tecnoloxías que xeran enerxía, en lugar de que unicamente se reparta entre as térmicas.