O CONCELLO EDITA UN CADERNO NO QUE SE RECOLLE, EN FOTOGRAFÍAS E TEXTOS, A EVOLUCIÓN E VIDA DE AS PONTES

Concello de As Pontes. Render unha merecida homenaxe ao pasado, ás nosas raíces e a aqueles e a aquelo que, a día de hoxe, integran as bases do que é o noso concello e do que somos todos os ponteses. Iso é Esquecemento, un caderno ideado por unha das nosas veciñas, Fina Penabad, e que vía a luz o pasado xoves co respaldo do Concello.
Foi nunha presentación na que tamén se daban cita ducias de veciños, os representantes de todas as parroquias pontesas, a propia autora e, por suposto, representantes do goberno municipal coma o alcalde,Valentín González Formoso, ou a concelleira de Participación Cidadá, Montserrat García.


Precisamente, esta última foi a encargada de presentar este traballo onde fotografías e textos conviven para darnos a coñecer o noso pasado, o día a día do mundo rural, os seus costumes e, por suposto, aqueles lugares que integraron e integran As Pontes, que non merecen caer no esquecemento e que, gracias a esta publicación, poderemos ver con outros ollos.
O primeiro edil recalcou o importante traballo de recompilación que podemos atopar neste caderno, dende aqueles lugares que xa non están, ata citas propias da época actual coma a Feira do Grelo ou a do Queixo e do Mel de Goente, agradecendo o importante esforzo realizado pola autora.
Esquecemento conta con máis de 120 páxinas adicadas á historia de As Pontes e á súa paisaxe, dende o século VIII coa chegada dos musulmáns ao norte da Península ata o día de hoxe.
Non faltan as nosas paisaxes, o Eume e os seus segredos, a vida dos ponteses máis aló das augas do atlántico, os comezos da explotación mineira no noso concello ou incluso iniciativas máis recentes coma a peregrinaxe a Santiago de Compostela do pasado mes de maio ou o Belén Vivinte.
A nosa patroa, as nosas festas e o noso patrimonio arqueolóxico contan cun lugar neste caderno no que tamén se contou coa maquetación de Daniel Pazos e que, de seguro, terá continuidade xa que á historia do noso concello aínda lle quedan moitas páxinas por protagonizar e escribir.

También podría gustarte
Comentarios