Amigus
As Pontes

O conxunto megalítico da Mourela

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

1. A NECRÓPOLE DA MOURELA NOS ESTUDOS E INVESTIGACIÓNS
O conxunto megalítico da Mourela é un dos primeiros xacementos en ser estudado con técnicas científicas en Galiza. A singularidade deste caso vén dada polo propio feito de ser obxecto dun estudo minucioso por parte do arqueólogo Federico Maciñeira e por constituir un campo de medoñas no que se conservaban dous círculos de pedra.
A primeira referencia que temos a este respecto atopámola na obra de Saralegui Medina, en 1894, na súa obra Estudios sobre la época céltica en Galicia. Faise eco das investigacións de Maciñeira e cita a existencia no lugar da Mourela dunha necrópole prehistórica formada por cinco medoñas e dous círculos líticos.


En 1895, será o propio investigador Federico Maciñeira quen aluda á existencia desta necrópole, a través dun artigo publicado na revista La Ilustración artística de Barcelona.
O froito do seu traballo arredor deste conxunto verá a luz en 1929 coa publicación de Notable grupo de círculos líthicos y túmulos dolménicos de la cuenca superior del Eume. Neste traballo expón as súas investigacións sobre o conxunto megalítico, que sufrira unha grave destrucción en 1902 co desmantelamento das pedras fincadas dos círculos líticos, a fin de seren usadas no firme do camiño que conduce á Fonte ferruxinosa das Boliqueiras.
A publicación deste traballo marcará un fito, pois suporá o perpetuamento cognitivo do lugar. Traballos posteriores a Maciñeira fan incidencia neste grupo de mámoas, presentadas como un conxunto.
Resulta destacábel que na Enciclopedia Espasa Calpe na entrada referida ao concello das Pontes de García Rodríguez, apareza unha fotografía dun dos círculos líticos como referente patrimonial do concello. Poderíase dicir, que se trata dun referente do mesmo xeito que acontece cos vasos campaniformes aparecidos na parroquia pontesa da Vilavella.
Nos anos noventa prodúcense unhas escavacións arqueolóxicas no conxunto da Mourela, dado que se planifica un polígono industrial sobre parte do grupo de medoñas. Fanse unhas sondaxes arqueolóxicas dirixidas polo arqueólogo Jose María Eguileta antes de que se produza a destrución parcial do conxunto. A memoria destas sondaxes, xunto coas sondaxes en Penapurreira, son publicadas no Boletín do Museo Provincial de Lugo, en 1992. Nesta memoria preséntase A Mourela como un único xacemento:

“La necesidad de las actuaciones incluidas en el proyecto derivó de la futura construcción de dos polígonos industriales. “Os Airios” y “Penapurreira”, ambos en el término municipal del citado ayuntamiento coruñés [As Pontes de García Rodríguez]. En el primero de ellos, Os Airíos, las obras estaban ya iniciadas antes de la ejecución del proyecto arqueológico. El terreno seleccionado para su ubicación acoge parcialmente el yacimiento de “As medoñas da Mourela”, ya estudiado por F. Maciñeira y publicado por el mismo investigador en 1929.”

En 2005, o arqueólogo Antón Rodríguez Casal, escribe na entrada “Crómlech” a propósito da Mourela:
“O grupo da Mourela, nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña), formado por cinco mámoas e dous círculos líticos, é o máis interesante de Galicia e foi estudiado e publicado por Federico Maciñeira.”

Estes estudos amósannos A Mourela como un conxunto. Dese conxunto dúas mámoas e os restos dun círculo lítico foron arrasados arredor do 1992 e quedan hoxe en día tres mámoas e os restos dun círculo lítico.
2. A NECRÓPOLE DA MOURELA A NIVEL POPULAR
A propia toponimia da zona, A Mourela, refírese sen lugar a dúbidas ás crenzas populares de que os círculos pétreos e as medoñas eran obra dos mouros, seres da mitoloxía popular galega.
Segundo Maciñeira, ese lugar recibiría a denominación popular de Medoñas da Mourela, “que es tanto como decir túmulos del sitio de los moros, de esos legendarios moros que informan las ancestrales tradiciones del país- y según por aquel entonces me manifetaron algunas cultas personas de la localidad, en viejos documentos, particiones, escrituras de compra venta y apeos, también se le llamaba Pedras Chantadas (…)”
Vemos que a nivel popular este lugar arqueolóxico era visto como un todo. Esta mesma cerna popular deu en varias lendas que non fan senón revalorizar o sitio arqueolóxico. Citamos unha das recollidas por Maciñeira a modo de exemplo:
“En los aledaños de aquel lugar de ambos círculos líticos, se conservaba, cuando yo andaba por allí de exploraciones arqueológicas, una curiosa tradición con ellos relacionada, que entiendo los valoriza mucho. En concepto de aquellos sencillos campesinos, por haberlo así aprendido de sus antepasados, esos recintos fueron hechos, cual los túmulos adyacentes, por os mouros para utilizarlos como eras de majar el trigo que recolectaban y reunirse los mismos mouros a jugar a los bolos.”

3. A PROTECCIÓN LEGAL
Os elementos deste campo de mámoas están inventariadas e contan cos seus códigos correspondentes nas fichas de Patrimonio.
Están amparados pola protección brindada pola lexislación galega e estatal ao respecto do Patrimonio Histórico e Cultural.
A súa área de protección estaba marcada polas Normas Subsidiarias e Complementarias da Provincia da Coruña, que no seu artigo 30 refire unha protección de 200 metros para elementos arqueolóxicos.
Neste mesmo artigo dise:
“Cando varios elementos singulares se articulen nun conxunto, a área de influencia trazarase a partir dos elementos máis exteriores do conxunto e abranguerá a totalidade daquel.”

A área de influencia destes elementos solápase e evidencia, independentemente do feito de que atendan a unha mesma expresión cultural coherente, que se trata dun conxunto.
Resulta ademais claro que o campo de medoñas da Mourela responden a un todo, e que os elementos singulares se artellan nun conxunto, polo que a área de protección non debería de ser tomada dende o remate das mámoas individualmente, senón dende o remate das mámoas exteriores do conxunto.
Estas áreas de cautela arqueolóxica son modificadas coa aprobación do proxecto de autovía, no que se reduce de forma importante esta protección e no que se obvia a existencia do elemento GA15070128.
Este rebaixe de protección permitía atravesar o campo de medoñas cun simple control arqueolóxico.
Chama a atención o feito de que a administración non se preocupase por non aparecer nos estudos de impacto un elemento catalogado. Certo é que na ficha de catalogo este elemento se dá por desaparecido. Pero esa “desaparición” xa se producira en 1903, cando foran desmontadas as pedras. Parece desprenderse da catalogación, que as pedras en superficie sí desapareceran, non así o lugar arqueolóxico, pois era doado supoñer que aínda podería seguir debaixo do subsolo, como as escavacións posteriores puxeron de manifesto.
Por último, resulta destacábel o feito de que o estudo de Impacto Ambiental valora o grao de afección de cada un dos elementos catalogados, mais non valora a incidencia negativa sobre o conxunto.
4. DOCUMENTACIÓN OFICIAL VERQUIDA DURANTE O PROCESO
4.1. ESTUDO INFORMATIVO DA AUTOVÍA FERROL-VILALBA, TREITO IGREXAFEITA-CANDAMIL, CLAVE: AC/98/144-0, ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL
Afección á área onde se localiza o Círculo Lítico e Túmulos de A Mourela: a alternativa A1 deste Estudo Informativo afecta á área de localización deste elemento e doutros túmulos visibles de A Mourela: GA15070127, GA15070129 e GA15070130. Nel prevense como medidas correctoras, ademais da prospección intensiva para o proxecto construtivo, o seu balizamento e control, e no caso de verse afectado algún destes elementos de forma directa, a súa escavación arqueolóxica.
Informe do Director Xeral de Patrimonio Cultural (data 21 de maio de 1999) ao Estudo Informativo da Autovía Ferrol-Vilalba, Treito Igrexafeita-Candamil, Clave: AC/98/144-0, Estudio de Impacto Ambiental. Neste informe especificábase que se consideraba insuficiente o estudo sobre o patrimonio arqueolóxico e as medidas correctoras propostas, e establécese que, a efectos de poder emitir o informe ao Estudo Informativo presentado, deberá completarse cun correcto estudo e valoración de impacto no Patrimonio Cultural, consistente en:
1º. Realización dunha prospección arqueolóxica polo menos no ámbito da alternativa proposta, que permita a correcta localización e delimitación nos planos de detalle dos elementos do Patrimonio Cultural afectados.
2º. Elaboración das propostas de medidas correctoras á vista desta nova documentación, modificando, no seu caso, o trazado proposto para garantir que ningún dos elementos do Patrimonio Cultural se vexa afectado polas obras, asegurando a súa conservación ou establecendo as actuacións arqueolóxicas necesarias para a protección do Patrimonio Cultural. Estas medidas deben estar valoradas economicamente a efectos da inclusión dunha partida económica na fase de execución do proxecto.
Declaración de Impacto Ambiental do Estudo Informativo da Autovía Ferrol-Vilalba. Tramo: Igrexafeita-Candamil, Clave AC/98/144.0, recollendo no apartado 6 do condicionado en relación á protección do patrimonio que: antes do inicio das obras realizarase unha prospección arqueolóxica intensiva da alternativa seleccionada que abarcará unha banda de 200 m. a partir da que se elaborarán as oportunas propostas de novas medidas correctoras para delimitar a zona de protección, e, en fase de obra realizarase un control e seguimento arqueolóxico das obras, practicando as escavacións e actuacións puntuais naqueles xacementos que resultasen afectados.
4.2. PROXECTO CONSTRUCTIVO DA AUTOVÍA FERROL-VILALBA. TREITO: ESPIÑAREDO-CASCO URBANO DAS PONTES. CLAVE: GA/02/006.01.2
Afección á área onde se localiza o Círculo Lítico de A Mourela: ainda que o xacemento non se atopa localizado neste treito da autovía, neste proxecto tense a previsión da toma de préstamos na zona do círculo lítico, localizado no treito seguinte do Casco Urbano As Pontes-Cabreiros. Coñecida a súa afección, inclúese no informe deste treito e inícianse as actuacións arqueolóxicas nel. Neste estudo establécense medidas correctoras para os túmulos GA15070127, GA15070129 e GA15070130, coa indicación das zonas de exclusión de obra no seu contorno; e en relación ao círculo lítico GA15070128, consta como desaparecido, sen localización no plano e sen medida correctora específica.
Informe do Director Xeral de Patrimonio Cultural (data 21 de xullo de 2004), á vista dos planos do Proxecto Constructivo da Autovía Ferrol-Vilalba. Treito: Espiñaredo-Casco Urbano de As Pontes. Clave: GA/02/006.01.2.
Neste informe, en relación ao Círculo Lítico GA15070128 especifícase:
1º. Na memoria de prospección arqueolóxica non se recolle o xacemento arqueolóxico recollido no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos que obra na Subdirección Xeral do Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais, co código GA15070128, polo que é preciso establecer unha cautela arqueolóxica entre os P.K. 36+200 ao 36+500 do treito Espiñaredo-As Pontes I, dita cautela supón:
1º. Realización dunha limpeza da superficie afectada polas obras, dita limpeza debe estar supervisada polo arqueólogo director do control e seguimento arqueolóxico, que deberá informar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dos seus resultados.
2º. Á vista dos resultados de dita limpeza superficial a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural establecerá a medida correctora de intervención arqueolóxica necesaria para salvagardar o ben afectado.
Informe do Secretario Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (data 3 de setembro de 2004): Á vista dos resultados de dita limpeza, remitidos pola Subdirección Xeral de Estradas en data 12 de agosto de 2004, onde se establece a cautela entre os P.K. 36+200 e 36+500 do denominado Treito Espiñaredo-As Pontes I, a cal suporía:
1º. A paralización do movemento de terras no ámbito de protección
2º. O estudo da posibilidade de modificación do trazado para evitar a afección ao Círculo Lítico da Mourela GA15070128.
3º. Para o caso de non ser viábel a modificación do trazado, por causas técnicas, debidamente acreditadas, deberá procederse á realización dunha escavación arqueolóxica en área da zona ocupada polo citado elemento, para o cal será preciso a elaboración dun proxecto, asinado por técnico arqueólogo competente, con experiencia contrastada en actuacións arqueolóxicas no período cultural ao que está adscrito o elemento obxecto da actuación, o que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio.
4.3. PROXECTO CONSTRUTIVO DA AUTOVÍA FERROL-VILALBA. TREITO: CASCO URBANO DAS PONTES-CABREIROS. GA/00/77.1
Afección á área onde se localiza o Círculo Lítico da Mourela. Neste treito localízase o Círculo Lítico da Mourela, sobre o que ten un impacto directo o trazado, e no momento de informar este proxecto construtivo estase á espera dos resultados da escavación arqueolóxica autorizada en data 12 de xullo do 2005, e iniciada o día 9 de agosto do 2005. Así mesmo, nas inmediacións de dito elemento localízanse os xacementos GA15070127, GA15070129 e GA15070130, sen impacto directo pero afectados no seu ámbito de protección. Non se avalían neste proxecto dado que se fixo a avaliación no proxecto do tramo anterior.
4.4. ACTUACIÓNS AUTORIZADAS POLA DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO CULTURAL NA ÁREA DE CAUTELA ENTRE OS P.K. 36+200 E 36+500 DA AUTOVÍA FERROL-VILALBA: ÁREA DO CÍRCULO LÍTICO E CONTORNO DOS TÚMULOS DA MOURELA.
Proxecto de escavación dunha estructura circular asociada a túmulos prehistóricos. MO05. GA15070128 A Mourela (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña), presentado pola Subdirección Xeral de Estradas, en data 12 de xullo de 2005, o Director Xeral de Patrimonio Cultural emite resolución pola que autoriza ao arqueólogo D. Jacobo L. Vaquero Lastres para levalo a cabo.
Solicitude de reubicación de dúas torres de alta tensión no ámbito e contorno da área de cautela arqueolóxica do Círculo Lítico da Mourela GA15070128, de data 24 de febreiro de 2006, remitida pola Subdirección Xeral de Estradas e con Informe Puntual do arqueólogo director do control arqueolóxico das obras no treito Casco Urbano das Pontes-Cabreiros, Javier Morchón Viñas, cunha proposta de medidas protectoras e correctoras para proceder ao seu traslado dado que estas torres están afectadas polas obras de construcción da autovía. En data 12 de xuño de 2006 o Director Xeral de Patrimonio Cultural informa sobre as medidas protectoras e correctoras a tomar no traslado destas torres de alta tensión para que non afecten aos xacementos arqueolóxicos próximos, como é, entre outras, o control e seguimento arqueolóxico destes traballos.
Solicitude do Director Xeral de Estradas de levantamento de cautela no círculo lítico de A Mourela, de data 22 de marzo de 2006. O Director Xeral de Patrimonio Cultural informa en data 21 de abril de 2006 ao Director Xeral de Obras Públicas, indicando que os traballos no xacemento non poden considerarse rematados, e que se deberá continuar e rematar a intervención arqueolóxica e a recollida da documentación precisa no xacemento baixo a dirección de D. Jacobo Vaquero Lastres.
Resolución do Director Xeral de Patrimonio Cultural, con data 15 de maio de 2006, á vista da solicitude do Director de Obras, pola que se reduce a área de cautela en 30 metros no límite leste, quedando esta fixada entre os P.K. 36+200 e 36+470, e adecuación do paso de tránsito de maquinaria de 10 metros de ancho.
Resolución do Director Xeral de Patrimonio Cultural, con data 5 de xuño de 2006, á vista das solicitudes de 30 de maio e 1 de xuño da Subdirección Xeral de Estradas solicitando o levantamento da cautela, autorizando a continuación das obras no tramo cautelado coas condicións de que “deberá garantirse a continuación dos traballos estritamente na área ocupada pola escavación arqueolóxica, por un período mínimo de 3 días” e que “os traballos de desmonte de terras terán que facerse sempre baixo control e seguimento arqueolóxico”
Resolución do Director Xeral de Patrimonio Cultural, con data 7 de xuño de 2006, pola que, unha vez comprobado que o prazo de 3 días non son suficientes para documentar os achados arqueolóxicos, resolve a continuación dos traballos na área ocupada pola escavación arqueolóxica por un período de 25 días, e que en ningún caso poderán realizarse movementos de terras nas áreas sinaladas como de exclusión de obras no proxecto construtivo, así como na área ocupada pola escavación aruqolóxica en curso, mantendo sempre a marxe de seguridade necesaria con respecto á obra.
Resolución do Director Xeral de Patrimonio Cultural, con data 6 de setembro de 2006, pola que se autoriza a continuación dos traballos arqueolóxicos entorno ao xacemento GA15070128, por “tempo indefinido”.

Consegue en tempo real avisos de novos artigos no teu dispositivo, subscribete agora.

También podría gustarte
Comentarios