O Fendestas caeu vítima das súas baixas e erros

[Diario de Ferrol] Un Fendetestas moi mermado caeu derrotado no seu campo co Universidade de Vigo por un severo 14 a 41. As cousas xa empezaron mal para os ponteses cando no quecemento perdían por lesión ó capitán Toño, ó que se sumarían, tamén mancados, o apertura Flecha e o ala Huesi antes de que se cumprira o minuto cinco.


Xa durante o partido lesionáronse tamén Sergio e Álvaro, polo que houbo que acabar o encontro improvisando posicións. Con esta panorámica desenvolveuse un partido no que a primeira parte foi unha mostra dunha constante do xogo, o dominio claro do balón por parte da dianteira viguesa. Esta circunstancia permitíalles xogar ó pé para gañar metros e manter no seu campo ós locais. Aínda que a aposta do xogo co paquete non lles servía para avanzar ós olívicos, diante do bo traballo na contención da dianteira dos das Pontes, non foi maior problema que abriran distancias. Limitáronse a aproveitar a debacle dos da casa no xogo de lateral para dominar territorialmente e agardar os erros dos ponteses para marcar.
A transmisión do oval foi outra grande eiva do Fendetestas, que concedeu ata tres marcas rivais por medio de intercepcións e, por se fora pouco, o árbitro masacrou ós locais con continuos golpes de castigo que favorecían unha e outra vez ós olívicos, ata unha cifra de 14 faltas en contra por dous a favor na primeira parte.
Cunha desvantaxe de 0-24 no descanso pouco lle quedaba xa por facer ós das Pontes para poder reconducir un partido que se lles puxera moi costa arriba. Pero na segunda parte pecharon na súa liña de 22 a un Vigo que tivo que esforzarse moito para conter as embestidas da dianteira local. Outra vez se trabucarían os da casa, e no canto de insistir con máis fases no xogo pechado, empeñáronse en buscar o xogo en horizontal, e unha e outra vez acababan cometendo erros que propiciaron que mantivera as distancias o Universidade.
Aínda que ensaiaron Pobra e Antón, e transformou nas dúas ocasións Kiko, o equipo visitante nunca viu perigo de que se achegasen no marcador, limitándose a defender ordeadamente e aproveitar as malas xogadas que se seguiron producindo.

También podría gustarte
Comentarios