Amigus
As Pontes

O folk de Quempallou soará esta noite no auditorio municipal das Pontes

Diario de Ferrol. Unha fin de semana máis a música tradicional galega continúa a ser a protagonista da programación cultural das Pontes. Esta noite, tócalle o turno ao grupo de folk Quempallou, que a partir das nove subirase ao escenario do teatro Alovi para tocar os temas do seu último traballo, “Polo Aire”.


O acordeón de Roi Maceda, as gaitas de Guillermo Ignacio e Xulio Coira, o buzuki e guitarras de Isaac Millán, a mandolina de Xulio Abal, a percusión de Roi Adrio e o bombo de Xosé Maceda daranse cita no auditorio pontés nun concerto no que xunto aos temas do seu último traballo sumaranse os clásicos desta formación nacida no ano 1999.
A música de Quempallou caracterízase polos ritmos tradicionais galegos tentando conserva-la súa frescura orixinal, e ante todo buscando un estilo propio onde hai espazo para os pasodobres, as rumbas, as muiñeiras ou as polcas, por citar algúns exemplos.
O concerto dos pontevedreses inclúese dentro do ciclo Cultura Vai 4×4, organizado pola Consellería de Cultura e grazas ao cal xa pasaron polas Pontes grupos de gran relevancia como Faltriqueira e Fía na Roca. As entradas para o concerto custan 3 euros e 2 para os menores de 12 anos, maiores de 65 ou posuidores do Carné Xove ou de Estudante. Pódense mercar no Alovi entre as 12.00 e as 13.30 horas ou de 19.30 ata o comezo do espectáculo.
Exposicións e cine> Aínda qu e a actuación de Quempallou é o prato forte da programación cultural desta fin de semana nas Pontes non é a única opción. Así, os que prefiran unha tarde de cine poderán elixir entre “Horton”, para un público infantil, ou “Seda”, orientada a un público máis adulto. Ambos títulos proxectaranse mañá e o domingo no cine Alovi.
Ademáis, durante toda a fin de semana tamén será posible visitar a mostra “Sen Pinceis”. As artistas Sonia Sueiro e Gena Hernández son as responsables desta exposición onde prima a cor e as técnicas innovadoras. Pódese visitar ata o domingo na sala do Mercado Vello.

También podría gustarte
Comentarios