O goberno galego incorporarase á rede internacional das administracións públicas do software lbre

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2006. A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Elena Veiguela Martínez, manifestou a vontade da Xunta de incorporarse á “Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre” na reunión que se celebrou hoxe con representantes da Secretaria de Telecomunicacions i Societat de la Informació da Generalitat de Catalunya, e Marcelo Branco, responsábel da “Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre” coordenada pola Generalitat de Catalunya e a “Fundació Observatori per a la Societat de la Informació de Catalunya (FOBSIC)”.


A Rede nace da reunión que se celebrou en Barcelona o pasado mes de xuño na que participaron 22 administracións. Nese encontro acordouse dar continuidade á “Declaración de Barcelona para o avance do software libre” mediante a creación dunha Rede de Cooperación Internacional de Administracións Públicas para o Software Libre. As comunidades autónomas que participaron nesta reunión son Andalucía, Estremadura, Madrid, Valencia, Euskadi e Catalunya. A incorporación  do Goberno galego á Rede será a primeira dun Goberno autonómico despois do encontro de Catalunya.
O obxectivo da Rede é fortalecer as relacións político-institucionais entre aquelas administracións que teñen o compromiso de consolidar o uso do Software Libre, deixando constancia da necesidade de traballar de xeito conxunto para difundir, estimular, desenvolver e promocionar o Software Libre como unha das ferramentas máis importantes das que dispón a sociedade para transmitir o seu coñecemento.
A Consellaría de Innovación e Industria desexa aproveitar e participar nas experiencias de traballo de colaboración coas outras administracións públicas presentes na Rede. A Rede inspírase na lóxica do principal motivo de éxito da comunidade do software libre: a cooperación entre as diferentes administración públicas.
O Secretario de Telecomunicacions i Societat de la Informació da Generalitat de Catalunya, D. Oriol Ferran, celebrou a incorporación á Rede da Xunta. Ferran cre que para Galiza, que empeza agora unha nova política de fomento do Software Libre, pode ser moi útil compartir experiencias con outras administracións.

También podría gustarte
Comentarios