O misterio do Vaso Campaniforme da Vilavella – Capítulo V

Continuamos a referenciar artigos e investigacións publicadas sobre o vaso campaniforme da Vilavella. Neste capítulo insertamos a transcrición dun texto recollido na Revista das Festas do Carme e a Fraga editada polo Concello das Pontes. O artigo publicado no ano 1990, recolle a cronoloxía do fenómeno campaniforme na nosa comarca, os achádegos, os depósitos e as referencias existentes. O texto foi elaborado polo Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira, colectivo senlleiro na investigación e estudo do patrimonio arqueolóxico pontés entre os anos 80 e 90, que participou activamente nas excavacións de mámoas e castros afectadas pola mina de Endesa nas Pontes.

Federico_macineira.jpg

Integrantes do Grupo Arqueolóxico Federico Maciñeira, de esquerda a dereita: Xosé A. Pombo, Carlos Fornos e o seu fillo, Cándido Rico, Ana Casais, Marisol Souto e Manolo Ares


GRUPO ARQUEOLÓXICO FEDERICO MACIÑEIRA, «As Pontes e o Campaniforme», Revista das Festas do Carme e a Fraga, As Pontes: Concello das Pontes, 1990, pp. 25-26:

AS PONTES E O CAMPANIFORME
Grupo Arqueolóxico FEDERICO MACIÑEIRA

A cerámica campaniforme pola súa finura e decoración constitúe a máis atractiva das cerámicas prehistóricas. Como se da o caso de que en Europa aparece sempre asociada a unha serie de características semellantes nas que o nexo é a citada cerámica, é polo que se deu en chamar “cultura campaniforme” ó conxunto destas manifestacións. Xeralmente sitúase dende o 2200 a.c. ata os arredores do 1800 a.c.
Os elementos desta cultura no ámbito galego son os vasos e as cazolas, ámbolos dous con un perfil en “S” coas variantes de ter a panza alta ou baixa e máis ou menos sainte.
A técnica de decoración é o chamado “puntillado”, que parece que se fixo cun incrustamento dentado, posiblemente de oso ou madeira. A cor externa é sempre roxiza, ocre ou castaña e o interior é mouro. O espesor das paredes varía entre 3 a 5 mm., agás o fondo das pezas que normalmente ten máis. Os motivos decorativos non son moi variados, as máis das veces son liñas puntilladas paralelas con liñas oblícuas entre elas, que se alternan enfrentadas.
En Galicia a cerámica campaniforme atópase a cotío nos túmulos megalíticos, chamados por estas terras “medoñas”, das que xa nos ocupamos nos pasados anos nesta revista. Poden aparecer en medoñas pequenas que non teñen ningunha clase de construcción interior ou ben en túmulos máis grandes con antas de plantas diagonal, cistas rectangulares ou antas con corredor.
Ainda que no século pasado pensábase que non había Campaniforme en Galicia, hoxe, os recentes descubrimentos obrigan a supoñer que a vella idea debíase á falla de excavacións metódicas e serias. Así os primeiros campaniformes que se atopan en Galicia son nunhas excavacións que realiza na comarca de As Pontes o investigador ferrolano Santiago de la Iglesia a finais do século pasado (1893). O ano seguinte, o ortegano Federico Maciñeira atopa nesta mesma zona outros exemplares deste tipo de cerámica. A partires destas datas, e en excavacións metódicas, empezan a atoparse máis campaniforme en Buriz, Lousada, etc. e a partires dos anos setenta en case que toda Galicia.
E pasamos a descripción das pezas máis importantes polo de agora, que dan sona e renome o noso pobo a nivel arqueolóxico.
Nunha medoña da Veiga da Vilavella, moi pequena e sen ningunha construcción interior , hoxe xa desaparecida, Santiago de la Iglesia atopou uns anacos de cerámica campaniforme, que unha vez reconstruídos polo Museo Arqueolóxico de Barcelona dan como resultado dous vasos, con decorado do tipo internacional, con bandas puntilladas, e ámbolos dous destacan polo coidado da súa decoración. Estos vasos consérvanse perfectamente reconstruídos no Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela.
Tamen noutra medoña da Veiga da Vilavella, algo máis grande ca anterior, a altura das últimas casas que hoxe existen contra o lado da Casilla, e nunha cista de máis de dous metros de largo e casi un de ancho, cuberta por unha gran lousa, Federico Maciñeira atopou un anaco dun vaso campaniforme das mesmas características que os anteriores. E o lado dél, tamén atopara un pequeno machadiño de pedra pulimentada.
vaso_campaniforme.jpg
E por último, na Veiga dos Mouros, perto de Alimpadoiros, nunha medoña de 17 m. de diámetro que aínda existía fai algúns anos, e que somentes tiña unha lousa chantada no medio, tamén Federico Maciñeira atopou uns anacos de vaso campaniforme, acompañados dun coiteliño de sílex branco con pintas negras. Cós anacos de campaniforme reconstruíronse un borde dun baso e unha panza doutro.
Tódolos materiais citados, atópanse no Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela.
Este articuliño pretende únicamente dar a coñecer a importancia do noso Povo dentro de esta cultura prehistórica, mencionada nos seus escritos por moitos estudiosos do tema, entre outros os seguintes:
– Santiago de la Iglesia, Prehistoria Gallega. Notas para un catálogo, en “Almanaque Ferrolano”, 1907.
– Luís Pericot, Los vasos campaniformes de la colección La Iglesia, en Boletín Real Academia Gallega, 1927.
– Federico Maciñeira, El vaso campaniforme y condiciones de sus intactos yacimientos tumulares en la estación de Puentes, del Cabo Ortegal, en “Atlantis”, 1941.
– Federico Maciñeira, Inventario descriptivo de los 286 túmulos prehistóricos hasta ahora descubiertos en la avanzada comarca del Ortegal, en Boletín Academia Gallega”, 1943.
– Felipe Criado e J.M. Vázquez Varela, La cerámica campaniforme en Galicia, en “Cuadernos do Seminario de Sargadelos”, 1982.

También podría gustarte
Comentarios