O Porriño implanta Sw Libre no Centro Cultural Municipal

Lendo agnix.org:
“O alcalde do Porriño, Raúl Francés, informa de que o Concello do Porriño instalou Software Libre na maior parte das computadoras do Centro Cultural Municipal. Con esta medida preténdese difundir o uso entre a mocidade e a cidadanía en xeral de sistemas operativos e programas libres.”…


…”A medida realízase en colaboración con AGNIX, nomeadamente grazas a Rafael Ávila e Manuel Hermo. Na actualidade está xa instalado Software Libre en catro computadoras do cíber de acceso público, unha computadora de consulta do fondo da biblioteca e outro na oficina municipal alí situada. O alcalde sinala que en setembro instalarase o sistema operativo Edubuntu, específico para uso educativo, na computadora da sala de lectura infantil.
Raúl Francés sinala que o Concello aposta pola difusión da sociedade do coñecemento a través do uso do software libre. Agardamos que a súa implantación no Centro Cultural Municipal sirva como estímulo para o seu uso pola cidadanía, a través de todas as persoas que o usan alí a diario e teñen a oportunidade de coñecer o seu funcionamento e os programas que se empregan.
Na actualidade o cíber do Centro Cultural ten unha ocupación diaria que se achega ao 100% nas 12 horas que permanece aberto cada xornada. Ao día, pasan por este local arredor de 200 usuarios e usuarias.
O obxectivo é que os cidadáns e cidadás coñezan estas aplicacións informáticas que se ofrecen libremente. O software libre caracterízase por dispoñer dunha licenza que permite usar, mellorar e distribuír os programas con liberdade, polo que ofrece posibilidades moi importantes para toda a sociedade, sen ter que pagar licenzas caras polos programas ou verse avocado a facer copias ilegais, explica Raúl Francés.
O Concello xa desenvolveu outras medidas para dar a coñecer o software libre. O ano pasado desenvolvéronse dúas xornadas de difusión destas ferramentas, unha ao público en xeral e outra destinada aos centros de ensino secundario, tamén en colaboración con AGNIX, neste caso con relatorios a cargo de Roberto Brenlla.
O alcalde destaca o traballo que leva a cabo esta asociación, que conta cun grupo estable de persoas que traballan dende O Porriño. “…
Fonte: agnix.org

También podría gustarte
Comentarios