Patrimonio aproba o proxecto que permitirá darlle unha nova cara á praza da Capela do Carme

O Concello de As Pontes investirá 250.000 euros nestas obras que se iniciarán cando rematen as festas en honra á Virxe do Carme
[aspontes.com] O Concello de As Pontes xa conta co beneplácito da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego da Coruña, dependente da Consellería de Cultura, para acometer os traballos que permitirán renovar o aspecto estético da praza da Capela do Carme.


Segundo informan dende o goberno municipal, a pasada semana recibíase o documento que avala a reurbanización deste emblemático espazo e que suporá un desembolso de 250.000 euros, con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local.
Tal e como se recolle no documento achegado pola Consellería de Cultura, as obras suporán a mellora das condicións ambientais do contorno da Capela do Carme, motivo polo que reciben luz verde por parte deste departamento e trámite necesario ao afectar a uns bens patrimoniais como son o cruceiro e a propia capela.
Nembargantes, estes traballos de reurbanización non darán comezo ata que rematen as celebracións patronais do mes de xullo para evitar molestias á vecindade e que así poidan desfrutar dunhas xornadas de festa tranquilas, sen ter que afrontar zanxas ou fochas ao longo destes días tan significativos para os veciños e veciñas do municipio.
Así as cousas, unha vez rematen os festexos está previsto que se acometan melloras coma o cambio do pavimento por outro menos esvaradizo, a eliminación dos chanzos que facían da praza un espazo con tres alturas, deixandoa nun mesmo nivel; asemade, tamén se subsituirá o mobiliario urbano, completando o proxecto co cambio do sistema de iluminación.

También podría gustarte
Comentarios