PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 2 – BETANZOS CF 5

Dolorosa derrota ante o líder dun As Pontes que se adiantou por dúas veces

O líder Betanzos pasou polo Poboado coma un ciclón, pois a pesar de ter que remontar por dúas ocasións, na segunda metade deuse unha homenaxe e no arreón final ata se lle fixo curto o marcador.

O primeiro clasificado non o é por casualidade, suma oito vitorias nas nove xornadas disputadas, e dirixido polo mítico lateral dereito Noé, ex do Cerceda, e co pontés Dani Pájaro titular, é un conxunto moi ben traballado, con moita intensidade e moi físico, durante os noventa minutos.

Ale Espeso regateou a todo canto defensa lle saiu ao paso para marcar raso axustado ao poste (12´), e entremedias tamén Alberto Leira, compañeiro de Enrique Fornos na selección galega da xeneración do 97, marcaba pola escadra de forte disparo (32´).

Pero xa é triste que ao descanso se chegara co 2-2, tras dous golazos do As Pontes que os visitantes empataron con dúas xogadas dentro da área, con pouca intensidade defensiva, nos que marcaron Murilo de cabeza (32´), e Mon metendo a perna dende o chan (36´), sen que o balón chegara en ambas ocasións ao fondo das mallas, apenas traspasando a liña de meta. Pero valen igual.

A segunda metade foi outro cantar e ao pouco do reinicio, centro chut dende banda dereita, Iván non chega, rebota na cruceta interna, o balón queda morto, e completamente so outra vez Murilo marca a pracer (48´).
Certo é que puido cambiar a cousa nun cabezazo a bocaxarro de Rogerio que salvou milagreiramente un zagueiro visitante baixo paus, pero os visitantes voltaban a marcar, nesta vez, en xogada de estratexia na que totalmente libre de marca na area pequena o central Pablo Vigo cabecea á escadra contraria (65´).

Selou a goleada un auténtico golazo de Souto cunha chilena firmada por calquer xogador futbolsaleiro de primeiro nivel que se colou pola escadra (70´). Salienta a versatilidade do equipo betanceiro, que anota cinco goles a domicilio e ningún é do pichichi Juan Lado.

E puideron ser máis, pois Iván salvou un man ante Juan, un tiro cruzado marchou lamendo o pau, e noutra xogada de estratexia con outro xogador completamente so na área pequena o seu remate de cabeza foi ao corpo dun defensa con toda a porta baleira.

O As Pontes é décimo con 12, sorte dos dez puntos nas catro primeiras xornadas, si ben é certo que acumula cinco xornadas sen gañar, tres na casa, e non semella Sarria a mellor praza para virar a situación.

CD As Pontes. Iván, Criado, David (Samu 75´), Martínez, Bangaly (Luis 62´), Traba, Rogerio (Jaime 70´), A. Leira, Tijan, Espeso (Iago 70´), Michel (Brais 62´).

Betanzos CF. Rumbo, Insua, Vigo, Martín, Puyuelo (Da Lama 62´), Dani Pajaro, Souto (Naya 70´), Dias, Juan Lado (López 78´), Murilo (Mateo 75´), Mon (Kevin 46´).

Goles: 1-0, Espeso (12´), 1-1, Murilo (32´) 2-1, Alberto Leira (34´), 2-2, Mon (36´). 2-3, Murilo (48´) 2-4, Pablo Vigo (65´) 2-5, Souto 70´).

Incidencias. Castro Gómez, auxiliado por Pereira Ferreiro e Estraviz Cerdeira (Lugo). Amarelas a Michel, Samu, Luis, Mon, Souto, Insua, Pajaro. Expulsado o adestrador local. Uns 100 espectadores no Poboado.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios