PREFERENTE NORTE. CD AS PONTES 4 – RIBADEO FC 0
Goleada do As Pontes ao Ribadeo antes de visitar ao Noia
Brillante triunfo do As Pontes 4-0 na tarde de hoxe ante o Ribadeo, o que lle sirve para afianzar o liderato, antes dos complicados envites que lle agardan.
O cadro dirixido por Rafa Casanova non era doado, baste dicir que só perdera dous encontros e pola mínima, pero nun fulgurante comezo local, adiantabanse os azuis nunha combinación perfecta entre Fidi, Alex e Pardo, centrando o de Ortigueira de banda a banda e chegando dende atrás empala Ramos o balón e tras petar no poste vai ao fondo das mallas (6´).
Inmediatamente despois era Toni quen daba un bo pase en profundidade e Pardo moi rápido regatea a Hugo e algo escorado marca a porta baleira (9´). E antes de cumprirse a media hora de encontro era Ramos o que se incorporaba por banda dereita, centra, desvía o xusto un defensa para que Fidi chegando dende atrás coloque o balón polo escadro deixando medio sentenciado o partido (27´).
De aí ó descanso resaltar dous remates de Dani de cabeza, un tiro de Toni a rentes do pau, e un disparo de Pardo e Carlos. Polos visitantes, unha contra que salvan entre Fidi e Paco, e no costume de arriscar co balón controlado polo último home esvarou Toni pero por sorte conseguiu despexar o balón.
No inicio do segundo tempo arrincou algo destemplado o cadro local e puido marcar Brais, pero rematou mordido (47´) e logo salvou Paco (50´), chegando a temerse por un segundo tempo semellante ao do Xallas. Pero foise refacendo o cadro local e incluso Carlos tivo unha boa ocasión pero non rematou de primeiras (55´).
Coa entrada de Bossa, Quique e Erni voltou a xerar perigo o cadro azul. Resaltar un tiro de Ramos preto do escuadro (72´) ata que Quique cun forte disparo dende fóra da área puxo o cuarto e redondeou o marcador (79´).
O propio xogador de Ares disparou a rentes do pau en sendos envíos de Ramos (80´) e Erni (82´), e Bossa tamén lanzou unha falta que marchou por moi pouco (85´). Cunha boa ocasión de Vizoso que rematou moi desviado finalizou o encontro (90´).
Duodécima vitoria pontesa no Poboado contra o Ribadeo, por un triunfo visitante. O As Pontes suma 42 puntos, por 38 da infatigable Sarriana, 30 de Arzúa e Noia e 29 do Viveiro. Sen tempo para celebracións a vindeira semana toca visitar ó Noia, o mellor plantel da categoría, e que necesita gañar si ou si.
CD As Pontes. Paco, Ramos, Alex (Sánchez 78´), Rego, Martín, Dani, Adrián (Bossa 64´), Toni, Carlos (Quique 64´), Fidi, Pardo (Erni 57´).
Ribadeo FC. Hugo, Rivas, Mario, Roi (Adrián 81´), Luki (Aitor) 76´, Brais (Dani 66´), Santi, Javicho, Isma, Criss (Vizoso 62´), Samu.
Goles. 1-0, Ramos (6´), 2-0, Pardo (9´), 3-0, Fidi (27´). 4-0, Quique (79´).
Árbitro: Óscar Enríquez Pereiro (Santiago). Auxiliado por Maldonado González e Villamor Rial. Amarela a Rego.
Campo e incidencias. Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores en tarde moi fría.
Nova cortesía de Xose Ferreiro