Recuperan os corpos de asasinados polo franquismo en foxas comúns das Pontes e Portomarín

Pistoleiros da Falanxe foron o 22 de agosto de 1936 á vivenda do concello das Pontes onde vivía o matrimonio formado por Manuel Ramos e Juana Ferreiro. Esa noite asasináronos a eles e a dous dos seus fillos. O foxo onde botaron os seus corpos é un dos obxectivos do traballo de exhumación que esta semana levará a cabo a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Ao fío, desde o colectivo destacan a colaboración dun xubilado xaponés, que logo de coñecer a través da prensa de seu país as iniciativas do colectivo, se trasladou até Galiza para colaborar nas tarefas de recuperación da memoria.


Na porta da casa, os pistoleiros asasinaron aquel 22 de agosto de 1936 a Manuel e a seu fillo maior. A continuación fixeron saír á muller e outro dos fillos, leváronos ao camposanto cos cadáveres, fixéronlles cavar un foxo e logo de asasinalos a eles tamén, botáronos a todos aló. Outro dos fillos, coa axuda dun parente fiscal, conseguiu en pleno franquismo iniciar un proceso xudicial contra os 18 individuos implicados na morte de seus pais e irmáns. Logo de que moitos veciños declarasen contra eles, un crego incluído, foron absoltos cunha sentenza que afirma que os falanxistas “estaban en acto de servizo”. Segundo a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, “este caso define perfectamente o modelo de Estado e as características da represión franquista”.
O arqueólogo Javier Ortiz dirixe estes días os traballos de exhumación nestes foxos, e logo do traballo nas Pontes, o equipo do colectivo irá deica a localidade luguesa de San Mamede do Río, aldea do concello de Portomarín, onde buscarán os restos de Antonio Rivas, asasinado o 27 de agosto de 1936. O traballo seguirá en Lago de Carucedo, no Bierzo, onde o obxectivo será recuperar o corpo de Servando González Macías, asasinado o 2 de outubro de 1936.
Colaboración e voluntarios
Alén do grupo de arqueólogos e forenses voluntarios que traballan en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, desde o colectivo louvan o caso de Toru Orokawa, cidadán xaponés de 65 anos que hai ano e medio leu nun diario nipón o relato do traballo realizado pola asociación e este ano, e recén xubilado do seu traballo como profesor de inglés, decidiu viaxar a Galiza para colaborar nas tarefas de recuperación da memoria.
Orokawa apareceu hai poucos días no Bierzo, e achegouse até o Concello de Ponferrada co obxectivo de contactar coa Asociación. Agora, pasará dous meses colaborando co colectivo. Desde a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica lembran que non é a primeira vez que desde diversos países chegan voluntarios interesados en cooperar con eles, destacando o verán de 2002, cando contaron coa axuda dunha ducia de persoas chegadas de nove países diferentes, e salientan que Toru Orokawa é o que de máis lonxe chegou a interesarse polo seu labor.
Nova publicada en Vieiros

También podría gustarte
Comentarios