Amigus
As Pontes

RESULTADOS DA FIN DE SEMANA DO CD AS PONTES: CONSUMADO O DESCENSO DO CD AS PONTES A PREFERENTE AUTONÓMICA

No derradeiro e decisivo partido, o As Pontes consumou o seu descenso á Preferente Autonómica logo de perder en Carballo ante o Bergantiños por 2-0 nun mal partido, por non dicir o peor da temporada, realizado polos xogadores que adestra Manolo García, precisamente o máis importante e onde se xogaba a salvación, que si acadaron os de Carballo por poñer máis gañas e máis entusiasmo conscientes do que se xogaban neste encontro.
Ó final tristeza nos xogadores do As Pontes, pero sobre todo, moita tristeza e moita desilusión e decepción na sufrida afección pontesa, que neste importante encontro si respondeu -máis de 200 afeccionados acompañaron ó seu equipo en Carballo- pero ó final veu como os carballeses saltaban de ledicia pola permanencia na categoría, pero ó mesmo tempo con rabia, desilusión e con algunha que outra lágrima porque o seu equipo descendía de categoría nun partido no que non estivo á altura das circunstancias. Un descenso que non se perdeu en Carballo, xa que nas Eiroas foi o colofón a unha nefasta campaña dun As Pontes do que se esperaba moito máis del alá polo mes de agosto do pasado ano.
CD-As-Pontes-2011-12.jpg


Sorprendentemente os ponteses eludiron o descenso directo grazas ó empate do Vilalonga na Estrada, resultado que sentenciou ó Estradense á perda de categoría, aínda que cos mesmos puntos có As Pontes pero peor coeficiente xeral.
Moitos foron os puntos perdidos polo As Pontes nos derradeiros minutos de partido. A bote pronto veñen á mente o empate no Poboado ante o Negreira e sobre todo, a dolorosa derrota, tamén no Poboado, diante do Betanzos, un equipo hai unhas xornadas case descendido, pero que as dúas vitorias finais servíronlle para superar incluso ó As Pontes na clasificación. Só estes cinco puntos perdidos serían suficientes para ir a Carballo coa tranquilidade da permanencia asegurada.
Agora tanto Betanzos coma As Pontes estarán pendentes de se algún conxunto galego (Ourense, Alondras, Cerceda ou Pontevedra) consegue o ascenso á Segunda División B. De subir un salvaríase o Betanzos e de facelo dous tamén se salvaría o As Pontes.
Pase o que pase, sexa na Terceira División ou na Preferente, que é o máis probable, no Club do Poboado teñen que poñerse a traballar xa, para atopar as causas deste fracaso e para planificar a vindeira temporada cun equipo no que haberá que facer cambios e remodelacións, xa que o proxecto iniciado hai dous anos non funcionou, e ó mesmo tempo dar unha resposta, se é que a hai, á súa reducida pero fiel afección que sufriu moito ó longo do campionato e ó final levouse unha amarga e triste decepción, unha das maiores da historia do seu Club.
BO REMATE DO EQUIPO B
Brillante peche de tempada do segundo equipo que venceu 2-7 na súa visita a San Sadurniño, hat trick de Borja e un de Criado, Moya, Alberto e Fernando. Rematan a liga na undécima praza con 36 puntos lonxe das tres prazas de descenso.
CD-As-Pontes-B-2011-12.jpg
OS XUVENÍS
O xuvenil B perdeu no seu derradeiro encontro por 3-2 en Ares ante o Numancia, con tantos de Tini e Darío. Remata o As Pontes clasificado na décima posición con 31 puntos. Na Liga Galega triunfo do primeiro equipo xuvenil ante o Calo por 1-0 en partido xogado o sábado no Poboado.
CD-As-Pontes-Xuvenil-2011-12.jpg
EQUIPO CADETE
Mala segunda parte de campionato tivo o conxunto cadete que se foi desinflando con respecto ós seus máximos rivais, Galicia de Caranza e Narón, e así onte perderon 6-3 ante o Racing San Pedro, cuarto clasificado, tantos de Brais Blanco e Diego Filgueiras. Sen embargo, rematan a competición nunha boa terceira posición con 37 puntos por 54 de Galicia de Caranza e 43 de Narón BP.
CD-As-Pontes-Cadete-2011-12.jpg
EQUIPO INFANTIL
Moi ben o final do infantil que empatou a tres goles na súa visita ó Racing San Pedro e mantivo a cuarta praza final con 40 puntos, na liga gañada finalmente polo Portuarios que empatou 1-1 no encontro decisivo contra o Racing de Ferrol. Goles de Jorge, Adrián e Manuel.
CD-As-Pontes-Infantil-2011-12.jpg
TORNEO DE COPA ALEVÍN
Na competición de copa alevín levada a cabo este fin de semana en Galicia de Caranza e na que tomaron parte 40 equipos non puido clasificarse o alevín B que na primeira fase empatou 2-2 co Galicia de Caranza D e logo perdeu pola mínima 0-1, con Animas, San Pedro e Numancia de Ares. Moito mellor lle foron as cousas ó alevín A que gañou os seus catro encontros da primeira fase, Galicia de Caranza C (1-0), San Sadurniño (3-0), Galicia de Caranza A (1-0) e Narón BP (3-1). Pero en oitavos de final perdeu 0-2 co Narón BP e dixo adeus ó torneo, que gañou o Galicia de Caranza A, precisamente ó equipo naronés nos penaltis.
Finalmente, o 17 e 18 de maio os dous equipos de categoría prebenxamín disputan no campo municipal de Neda o torneo de copa, mentres que os benxamíns disputarano os días 19, 26 e 27 deste mes no campo dos Pinares, de Perlío.
CD-As-Pontes-Alevin-2011-12.jpg
Nova de Xose A. Ferreiro e AF

También podría gustarte
Comentarios