Resume das xornadas ‘As Vilas na Sociedade da Información’

Por cortesía de RTVi As Pontes, reproducimos este resume:
O martes e mailo mércores desenvolvéronse nos concellos de Vilalba e As Pontes as xornadas tituladas “As Vilas na sociedade da información”. Nelas participaron expertos de todo Estado, que nos achegaron as experiencias que se desenvolven e que se van desenvolver no futuro de cara á implantación da coñecida como sociedade do coñecemento. Aquí tés un resume de todo o que se falou nas xornadas nestes dous días.

xornadas.jpg


Martes, 17 de febreiro.
Os encargados de inaugura-las xornadas foron os alcaldes de Vilalba e As Pontes. Agustín Baamonde e Víctor Guerreiro coincidiron en que as xornadas son unha mostra da cooperación establecida hai uns meses entrámbalas vilas de cara á xestión conxunta dun programa “Ciudades Digitales”. Ámbolos rexedores incidiron en que os proxectos deste tipo están por riba das siglas políticas xa que só buscan beneficiar ó cidadán.
No acto de apertura das xornadas, que se celebraron na casa da cultura de Vilalba tamén participou o Director Xeral de Comunicación da Consellería de Cultura, Ignacio Otero. O director xeral fixo un percorrido polas actuacións que leva desenvolvido a administración autonómica no eido da Sociedade da Información, referíndose especialmente ó programa de Internet nas Bibliotecas e ó proxecto que comparten As Pontes e Vilalba.
Este proxecto, orzamentado en case un millón de euros permitirá instalar internet de alta capacidade nas parroquias de ámbalas vilas e tamén a dixitalización de As Pontes TV e radio Eume.
O programa Ciudades Digitales estase a desenvolver xa en 11 comunidades autónomas ó abeiro de convenios asinados co Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.
No caso de As Pontes e Vilalba espérase que nas vindeiras semanas o Consello de Ministros aprobe o convenio, segundo afirmou o responsable ministerial do programa, Manuel Lázaro. Lázaro tamén indicou que estes programas deben ir acompañados de fortes campañas de formación nas zonas onde se apliquen e que o Ministerio fará un seguemento exhaustivo do cumprimento das actuacións previstas en cada proxecto.
A partir de abril constituirase un foro de Ciudades Digitales no que participarán os responsables de cada proxecto para garantir un correcto desenvolvemento global do programa.
De coordenación entre proxectos tamén falou Teresa Serra, deputada no Parlament de Catalunya. Serra deu unha visión xeral da actitude da Unión Europea con respecto á Sociedade da Información, referíndose principalmente ás diferentes políticas desenvolvidas dende Bruxelas nos últimos anos.
Neste senso destaca a creación de Telecities, unha macrorrede de cidades europeas que naceu co ánimo de ser un lobby dende o que orienta-la configuración da política comunitaria con respecto ás demandas e necesidades de cada territorio. España foi o estado no que máis medrou a incorporación a esta rede, na que en breve tamén entrará a cidade de Santiago.
As ponencias da mañán do martes nasxornadas “As Vilas na Sociedade da Información” remataron coa intervención de Alberto Tizón, Subdirector xeral de tecnoloxía da Consellería de Innovación, Industria e Comercio. Tizón falou a grandes trazos do Plano Galego para a sociedade da información, que se prevé estea listo no verán. Así e todo, Tizón indicou que o éxito da implantación da sociedade do coñecemento dependerá de que haxa unha infraestructura de alta capacidade accesible a tódolos cidadáns, da formación en novas tecnoloxías de toda a poboación e tamén da existencia de contidos atractivos que inviten a participar no novo mundo virtual.
Xa pola tarde as xornadas trasladáronse ó salón de actos do Hotel Villamartín. No programa incluíronse dous interesantes bloques de conferencias. O primeiro deles centrouse nas actuacións e experiencias levadas a cabo por varias administracións locais e autonómicas.
Primeiro falaron os representantes da comunidade valenciana e do País Vasco. Nesta última comunidade estase a promove-la implantación da sociedade da información desde dous puntos de vista. Primeiro subvencionando a merca de ordeadores con ata 240 euros por familia e, segundo, con cursos de internet masivos que se imparten nos 203 centros que funcionan neste momento e polos que xa pasaron case 120.000 persoas.
Pero, sen dúbida unha das rexións máis desenvolvidas no campo da sociedade da información é Estremadura. Alí deseñouse un programa que apostou pola alfabetización dixital de toda a poboación.
Para iso leváronse ordeadores ós institutos ata conseguir que houbese alomenos unha computadora por cada dous alumnos. Ademais tamén se crearon os centros do coñecemento. Locais onde se pode acceder a internet e crear utilidades á medida do usuario.
Todo o software utilizado está baseado en Linux. Un sistema operativo libre que permite infinitas modificacións sen ter que pagar ningún tipo de licencia e que é completamente personalizable.
Sen embargo, todo este traballo tivo como precedente a construcción dunha intranet local que conecta tódolos concellos de Estremadura con fibra óptica cun ancho de banda de 2 megas reais.
Un traballo semellante ó desenvolvido en Estremadura é o que se levou a cabo na localidade granadina de Jun, unha vila cunha poboación semellante á das Somozas, que hoxe se codea con cidades coma Sidney ou Helsinki e onde se desenvolven proxectos conxuntos con centros tan prestixiosos coma o Instituto Tecnolóxico de Massachusets.
Alí tamén se acometeu unha completa alfabetización dixital que abrangueu a toda a poboación. Pero o máis destacable do proxecto de Jun é a aplicación do concepto de teledemocracia. É dicir, a participación a distancia dos veciños nas decisións políticas que lles afectan. A primeira experiencia fíxose coa configuración vía internet da orde do día dos plenos, con tódolos asuntos que os veciños querían que fosen tratados polos seus representantes. Sen embargo a cousa foi medrando e perfeccionándose e, desta maneira, nas vindeiras eleccións xerais do vindeiro 14 de marzo, os veciños de Jun poderán votar desde a casa utilizando unha especie de memoria portátil USB que garante a privacidade e a invulnerabilidade do voto e tamén a transparencia no reconto.
Tódalas experiencias de implantación da Sociedade da información e do coñecemento baséanse nunha infraestructura tecnolóxica que permita un acceso rápido e seguro á rede.
Este foi o aspecto tratado na mesa redonda que pechou as xornadas o martes. Nesta mesa participaron representantes das operadoras R e Auna e tamén a provedora de acceso vía satélite Neo Sky.
Cada un deles achegou o seu punto de vista sobre como soluciona-lo problema da conectividade nunha comunidade tan dispersa coma Galicia.
Os xeitos que hai hoxe en día de acceder á rede en boas condicións son o cabo, a conexión utilizando sinal de radio e mediante un enlace vía satélite. No caso de Galicia, e máis concretamente no dos pequenos núcleos de poboación, parece que o cabo non é unha solución económicamente rendible para as operadoras, a menos que a administración se faga cargo do custe de instalación e mantemento das redes.
As outras opcións, os enlaces de radio e mailo satélite poden se-la solución para lograr unha boa conexión en zonas afastadas. Sen embargo, segundo os expertos, tamén é necesario que haxa unha aposta firme por parte dos concellos e da Xunta á hora de instala-la infraestructura. No caso de Galicia, a opción máis factible desde o punto de vista das empresas de comunicacións sería a de achegar a un único punto unha conexión de alta capacidade e desde alí facer unha distribución ós fogares mediante unha rede inalámbrica wi-fi. Con todo, ningún operador garante que non haxa caídas no fluxo de datos cando haxa temporais fortes ou calquera outro tipo de inclemencia climática.
O futuro segue a ser incerto. Da primeira xornada de conferencias sácase en limpo que as institucións e as operadoras están aínda posicionándose de cara a garanti-lo acceso ás novas tecnoloxías da comunicación. Sen embargo, o aspecto básico de que existan infraestructuras de boa calidade que aseguren ese acceso é, polo de agora, a grande incógnita.
Se ben se está a falar de organización, de contidos, de formación e alfabetización dixital, de administración electrónica e doutros aspectos nos que apareceron xa estratexias ben definidas plasmadas en proxectos, aínda queda pendente saber como se van levar adiante con garantías de futuro no senso de que a tecnoloxía utilizada non quede desfasada en poucos anos.
¿Cal será a mellor opción de conectividade de cara ó futuro?, ¿o cabo?, ¿o wi-fi?, ¿o satélite?, ¿a combinación de todas elas dependendo das características de cada territorio?. Quen sabe.
Se cadra, as infraestructuras tecnolóxicas necesarias para nos comunicar e traballar por medio da rede deberían te-la mesma prioridade que as estradas, os portos e os camiños de ferro dentro dos orzamentos estatais.
Mércores, 18 de febreiro.
Neste segundo e último día de ponencias abordáronse temas relacionados cos retos de futuro que deberán afronta-las administracións para implanta-la sociedade do coñecemento e tamén se puideron ver algunhas actuacións desenvolvidas noutras zonas neste sentido.
A primeira ponencia da mañá fíxoa un técnico da Consellería de Cultura e centrouse nos programas que está a desenvolver este departamento da Xunta en relación coa dixitalización dos fondos documentais da comunidade. Jaime Vázquez expresou neste sentido que un dos proxectos máis ambiciosos é o de Internet nas Bibliotecas. Trátase dun plano que prevé interconecta-las bibliotecas de toda Galicia para que compartan os seus fondos e tamén para permitirlles ós usuarios acceder a elas virtualmente.
Unha iniciativa que permitirá, ben desde a casa ou ben desde a propia biblioteca, buscar calquera libro ou documento que precisemos. Este programa compleméntase con actuacións paralelas coma a dixitalización de fondos audiovisuais e a interconexión dos principais centros e institucións relacionados coa cultura galega de cara a conseguir unha memoria histórica virtual na comunidade cun acceso público e doado.
Outro dos aspectos tratados na sesión do mércores das xornadas “As Vilas na sociedade da información” foi o da organización dos concellos e institucións de cara a implanta-la sociedade do coñecemento.
Desde Cataluña chegounos a charla de Lucio Villasol, xerente de Localret. Este é un consorcio de municipios que busca artellar políticas e iniciativas en tódolos ámbitos coas miras postas en facer fronte común á hora de logra-lo acceso de toda a poboación ás novas tecnoloxías.
En tódalas ponencias deixouse entrever que as administracións locais están a se-las grandes impulsoras da sociedade da información, xa que delas xorden as iniciativas máis novidosas e espectaculares.
Unha delas é a desenvolvida no concello asturiano de Carreño. Esta vila, semellante en poboación, industria e territorio a As Pontes, levou adiante un proxecto de conexión das súas parroquias coa creación de telecentros e, dentro deles, aldeas dixitais.
Os telecentros están concibidos dun xeito moi semellante ós antigos teleclubes. Os telecentros serven para acceder a internet e tamén como lugares de dinamización das zonas rurais, ó combina-las novas tecnoloxías e a formación cun uso lúdico dos centros de reunión. Esta é unha iniciativa na que colaboran as asociacións de veciños, o goberno asturiano e a unión europea. No concello de Carreño, pertencente á mancomunidade do Cabo Peña tamén se está empezando a traballar na administración electrónica para que os veciños poidan facer xestións desde o telecentro que lles quede máis preto.
Sen embargo, para chegar ata aquí houbo que solucionar primeiro o problema de conecta-las zonas máis afastadas e traballar firme na formación e na difusión dun proxecto no que xa participa o 30 por cento da poboación.
A sesión da mañá das xornadas rematou un pouco antes do previsto, xa que a charla correspondente ó concello granadino de Jun que debía facerse nas Pontes xa se deu o martes en Vilalba por cuestións de axenda do ponente.
A tarde estivo moi centrada nos proxectos para a conexión a internet sen fíos (tecnoloxía wireless) que permite acceder á rede sen ter que contratarlle a unha empresa o enganche e polo tanto resulta gratuíta para os veciños que dispoñan de sistemas axeitados.
Neste sentido espuxéronse dous proxectos, un deles na nosa vila. Abriu este capítulo a asociación informática Amigus, que comezou hai meses coa instalación de varios nodos en puntos do casco urbano. Isto significa que só con ter un ordeador e un dispositivo wi-fi pódese acceder a internet sen máis problemas. Esta iniciativa tén un carácter totalmente privado, xa que son os mesmos socios os que poñen a infraestructura e tódolos medios.
Outro proxecto semellante pero de carácter institucional é o realizado en Zamora. Esta cidade posúe hoxe en día dun sistema sen cable que abrangue a toda a poboación. O Concello ofrece diversos servicios a través de internet e o seu propio persoal aproveita esta ferramenta para desempeña-las súas funcións na rúa. Ademais do beneficio para os propios veciños, este proxecto tamén significou unha forte promoción a nivel externo.
O peche das xornadas “As vilas na sociedade da información” fíxoo o concelleiro de desenvolvemento sostible, Francisco da Silva. Da Silva volveu demanda-la colaboración das administración públicas para poñer en marcha as iniciativas relacionadas coas novas tecnoloxías. O concelleiro indicou que o goberno local está especialmente interesado en facilita-la conexión á rede de tódolos veciños e especialmente os das parroquias.
Fonte: aspontes.org

También podría gustarte
Comentarios