RIADA EN AS PONTES. A CICLOXÉNESE EXPLOSIVA GONG
Xa había anos que non chovía tanto nas Pontes. Hai que remontarse ó mesmo mes do ano 1998 para recordar unha riada ou enchente tan intensa coma a desta fin de semana, que aínda sen causar danos materiais si entorpeceu a vida cotiá dos ponteses. O principal río desta comarca, o Eume, creceu rapidamente e incluso nalgunhas zonas da vila e arredores desbordou anegando as partes baixas como o parque da Fraga. Ó día seguinte, domingo 20, o nivel do seu caudal baixou case un par de metros.
Levamos un inverno con moita chuvia, pero o sucedido esta fin de semana de xeito rápido e en tan só día e medio é o que agora se chama cicloxénese explosiva, un ciclón pequeno rexistrado en latitudes ó norte dos trópicos por baixa presión atmosférica nas zonas denominadas templadas, de aí que tamén sexan coñecidos como ciclóns templados, que no hemisferio norte rotan en sentido contrario ás agullas dun reloxo e no hemisferio sur ó contrario. Estes ciclóns producen fortes ventos e gran cantidade de chuvia. O rexistrado esta fin de semana foi bautizado co nome de Gong.
Nas fotografías pódese notar a gran diferenza entre as sacadas o sábado e o domingo. Nas primeiras a auga baixaba cunha virulencia e rapidez fóra do normal, incluso o venres tiveron que ser abertas as comportas dos embalses da Ribeira e do Eume, os dous situados no propio municipio pontés.
Estas tormentas véñense producindo con certa frecuencia nas últimas décadas. Non moi lonxe están outros fenómenos climatolóxicos como as nevadas de febreiro de 1983 ( que durou dúas semanas e provocou a caída do teito do pavillón municipal), xaneiro de 2006, decembro de 2008, xaneiro e febreiro de 2009 e xaneiro de 2010. Os temporais de vento e chuvia de outubro de 1984 (o furacán Hortensia, con ventos de máis de 150 km/h e que provocou 6 mortos -2 en Galicia- e cuantiosos danos materiais), novembro 2005 (restos do furacán Wilma), setembro de 2006 (o furacán Gordon), xaneiro de 2009 (o furacán Klaus con ventos que chegaron ós 198 km/h na Estaca de Bares), o temporal de febreiro 2010 (o furacán Cynthia, chamado a tormenta perfecta con máis de 60 mortos en toda Europa, 40 deles en Francia e 3 en España).
Nevada xaneiro 2010
Nevada Xaneiro 2009
Nevada Decembro 2008
Nevada Xaneiro 2006
Nova cortesía de A.F.