ROLDA DE ELIMINATORIAS NA COPA DO MUNDO DE SHANGAI

Eteberría e Martín foron os representantes españois que chegaron máis lonxe, caendo na terceira rolda.

O arqueiro pontés Miguel Alvariño García disputou hoxe as tiradas eliminatorias da primeira proba da Copa do Mundo que se está a celebrar en Shanghai (China).

No día de onte foi o 30º clasificado nas previas con 665 puntos, o mellor dos españois, por diante de Miguel Ángel Pifarre (34º, 664), Juan Ignacio Rodríguez (41º, 661) e Antonio Fernández (94º, 638). O mellor foi o mítico Brady Ellison, con 697.
Por certo, en Composto, o holandés Mike Schloeeser, que estivera no torneo pontés en Decembro, bateu o Récord do Mundo, con 717 puntos de 720 posibles, é dicir, conseguiu 69 deces e 3 noves.

Na competición de Recurvo Mixto, cos dous mellores clasificados de cada país, Alvariño e a prometedora Alicia Marín, foron undécimos na previa, cruzándose en oitavos con Rusia, sexta, coa que perderon 5 a 1 (36-33, 33-33, 40-36). Ouro polo que pelexarán China Taipei e EEUU, e polo bronce Corea do Sur e India.

No día de hoxe, nas roldas eliminatorias, os españois superaron a primeira criba. Alvariño vencía ó checo Peter Heinrich 7-1 (26-25, 27-27, 29-25 e 27-23). Miguel Ángel Pifarre gañaba na frecha de desempate ante o malayo Nor Hasrin 6-5, Juan Ignacio Rodríguez ó colombiano Estiven Ramírez 7-3, e únicamente caía Antonio Fernández, moi apurado ó ser 94º da previa e ter que enfrontarse ó coreano Seong Cheol Park, 19º, co que perdeu 2-6.

Xa na segunda eliminatoria caeron os tres. Alvariño perdeu ante Hao Wen Kao, de China Taipei, 0-6 (26-27, 26-29 e 27-28). Juan Ignacio ante o xaponés Kazuki Ohi, 2-6, e máis resistencia opuxo Pifarre ante o ruso Alexander Kozhin, verdugo de Alvariño e Alicia nos mixtos, 4-6.

Nesta proba pelexarán o outro o estadounidense Zach Garret e o holandés Sjef Van den Berg, do que Miguel dera boa conta na final de Bakú. Polo bronce, o mexicano Boardman e Wei, de China Taipei.

Algo mellor estiveron as mulleres. Celia Castaños perdeu na primeira rolda na frecha de desempate ante a francesa Laura Ruggieri 5-6. Pola súa banda Alicia Marín quedaba exenta ó ser 11ª da previa, Mirene Etxeberría, prata por equipos mixtos xunto a Alvariño no Mundial Junior 2013, vencía á mítica e veterana francesa Berengere Schuh, 6-2, ex campiona europea ó aire libre e mundial en sala. Tamén Adriana Martín vencía á mongola Oyuntungalag Chimedtseren 6-2.

Na segunda rolda, Ariana Martín vencía á turca Begunhan Elif Unsal, 6-4, a arqueira que fora bronce nos Europeos de Rovereto 2010 con 17 anos e deixara a Gema Buitrón polo camiño. No duelo fratricida, Mirene Etxeberría vencía a Alicia Marín 6-2.

Xa na terceira criba, Etxeberría caeu ante a xaponesa Kaori Kawanaka 0-6, e Adriana ante a coreana Hyebhin Ju 1-7, arqueira que pelexará o ouro con Ya Ting Tan, de China Taipei, mentres que polo bronce, outra coreana, Chaeyun Kim, contra a danesa Maja Jager.

Mañá será a competición por equipos, os homes, décimos, comezarán contra Xapón, sétimo, e as mulleres, undécimas, contra Xeorxia, sexta.

12960164_514536578732437_1349122045_n

Foto da estancia de Miguel en Corea, con Park Sung Hyun, tricampiona olímpica, e Park Kyun Mo, bicampión olímpico.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios