SEGUNDA DIVISIÓN “B” DE FÚTBOL SALA. O ESTEO FS – FS SAN JOSÉ (3-6)

O equipo pontés foi goleado polo colista, que apenas levaba cinco puntos, e seis derrotas consecutivas.

Mala imaxe a que deu hoxe o equipo pontés de fútbol sala do Esteo, que caeu derrotado por un avultado 3-6 ante un equipo que apenas sumaba unha vitoria e dous empates nos 19 encontros anteriores.

A pesar do mal partido do equipo local, o visitante tamén amosou bastante máis nivel do que indica a súa posición na táboa clasificatoria, polo menos no día de hoxe.

Adiantábanse precisamente os salmantinos cun tanto de David, pero era Alex Garea o que empataba despois. Nunha primeira metade con moitas ocasións para ambos conxuntos era Jaco quen, dun disparo cruzado poñía o 2-1 pouco antes do descanso.

O mesmo xogador, ó pouco da reanudación establecía o 3-1, tras un penalti cometido sobre el mesmo que marcou dun forte disparo por alto. Semellaba que era o tanto que ía a abrir brecha no marcador.

Pero nada máis lonxe da realidade. Pouco despois, nun comprometido pase de Garea a Jaco, que acaba perdendo o balón dentro da área, marca Morales de forte punteirazo, recurtando distancias.

E puido ser algún máis, pero unhas veces as paradas de Iván, e outras o pouco tino do equipo visitante, que non chegou o empate. Ben é certo que Alex Garea estrelou un forte disparo no longueiro, e Ayala, de tacón, tamén mandou o balón ó poste.

Faltando cinco minutos para o final, era Rubén, nunha contra, o que establecía o merecido empate a 3-3 a porta baleira.

Nos dous últimos minutos arriscou o Esteo con porteiro xogador, con tan mal resultado que apenas creou perigo e por contra recibiu tres goles, de Tamar, e Morales, que con outros dous tantos redondeaba o seu particular hat trick.

A vitoria da esperanzas a un conxunto visitante que, devolve o 5-8 da ida, e a pesar de ser colista, con apenas oito puntos, está a dous de Boal e Leis Pontevedra, habendo en principio dous descensos.

Moi mal o Esteo, que recordou, aínda que en menor medida, ó que hai dúas tempadas perdera na casa 5-10 ante o Ventorrillo, equipo que esa campaña só gañara ese partido, ademáis de sumar un empate.

Sextos con 28 puntos, a semana que vén visitan ó Leis de Pontevedra, recibindo na seguinte ó Boal asturiano, os outros dous equipos necesitados de puntos.

FICHA DO PARTIDO

O ESTEO FS: Iván, Jaco, Gerardo, Rober Paz, Ayala –cinco inicial- Héctor, Púas, Alex Garea.

FS SAN JOSÉ: Borja, David, Sergio, Morales, Tamar –cinco inicial- Rubén, Pelu, Pablo, Manu.

ÁRBITROS: Rey Hermida (Santiago), Dans Rey (Coruña), Silva Martínez (Santiago). Amarelas a Jaco, Rubén e Morales.

GOLES: Min. 3 (0-1), David. Min. 8 (1-1), Alex Garea. Min.18 (2-1), Jaco. Min. 23 (3-1), Jaco, de penalti. Min. 24 (3-2), Morales. Min. 34 (3-3), Rubén. Min.38 (3-4), Tamar. Min. 39 (3-5), Morales. Min. 40 (3-6), Morales.

INCIDENCIAS: Vixéxima xornada de Liga do grupo primeiro da Segunda División B, sétima da segunda volta, disputado no Pavillón Municipal da Fraga, ante pouco máis dun cento de espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios