SEGUNDA TERRITORIAL GALEGA. KALEIDO UNIVERSIDADE DE VIGO RC B 10 – CR FENDETESTAS 18
Sétima vitoria dos ponteses que afianzan o segundo posto
O Fendetestas pontés de Rugbi venceu este sábado no seu desprazamento ás inmellorables terras olívicas por un axustado 10-18 ó Kaleido Universidade de Vigo B.
Os verdes venceron con tres ensaios de Kiko, Antón Ferrol, e Rober, xogador que anotou tamén un golpe de castigo.
Nunha xornada de triunfos a domicilio, o Barbanza logrou a súa primeira vitoria en Liga tras impoñerse ó CU Ourense B por 22-50, se ben é certo que os locais apenas contaban con once xogadores.
Pola súa banda o líder Crat A Coruña B segue reforzando o seu liderado tras gañar este sábado ós seus veciños do Zalaeta de Arteixo por 12-36.
Segue liderando a táboa o Crat A Coruña B con 36 puntos e un encontro menos, por 33 do Fendetestas.
A continuación estaría Santiago con 27, Zalaeta 22, e Kaleido Universidade de Vigo B 19.
Nos últimos postos, Campus Universitario Ourense Coosur B con 11 puntos e pecha Barbanza con 6, cinco obtidos nesta xornada.
O Fendetestas recibe a vindeira semana ó terceiro clasificado Santiago, nun encontro moi importante.
Nova cortesía de Xose Ferreiro