TERCEIRA DIVISIÓN. CD AS PONTES 2 – CD BARCO 2

O conxunto de Valdeorras empatou na derradeira xogada do encontro.

Perdeu dous puntos moi necesarios o As Pontes no último suspiro nun encontro que dominaba 2-0 ós vinte minutos.

O conxunto de Marco Roca saiu coma un vendaval e incluso o senegalés, tras un centro de banda, tivo unha moi clara coa porta baleira nada máis comezar (2´). Si acertou noutro centro, esta vez dende banda dereita, que cabecea anticipándose á saída de Óscar e o balón vai ó fondo das mallas (7´).

Non se conformou o As Pontes, tiro cruzado de David González (12´), Pablo Rubio por alto (16´), ata que tras unha falta botada por Edi, chegou o segundo, nun balón que ía próximo ó longueiro ó que non chegou un dubitativo Óscar (20´).

Unha ocasión de Ballesteros que salva Paco (21´) foi a primeira aproximación dos visitantes, que se botaron arriba, aínda que antes do descanso só cabe destacar un tiro de Vales por alto (27´), e polos locais, unha boa ocasión de Ibu para Ramos que se lía co balón (22´), un forte remate de Ibu (25´), e un disparo fóra de Pablo Ramos (33´).

Na segunda parte os visitantes foron a polo gol dende o primeiro minuto, sen embargo foi o equipo azul o que puido sentenciar, tras un balón que se lle escapa en xogada a balón parado a Óscar, é Borja o que remata pero saca un defensa baixo paus (55´). Logo é Pablo Rubio quen nun remate de volea manda o balón pegado ó segundo pau (57´). Nunha prolongación dun gran David González hoxe, remata Álvaro e despexa un defensa (62´).

Complicábanselle as cousas ó conxunto local, pois lesionábanselle dous piares da medular como Prieto e Rubio, nun equipo que xa de por si necesita moito fondo de armario. Tras unha contra que pillou desprevenido ó cadro local, e na que quedou como único defensa Criado, desfíxose del sen problemas Vales e picou maxistralmente ante a saída de Paco (66´).

Fútbol é fútbol que diría Vujadin Boskov, e no Poboado non hai partido que non se sufra, así, de poder sentenciar o cadro local, a case empatar o visitante, pois dous minutos despois do tanto de Vales, Ballesteros, só, manda o balón ó longueiro (68´), e nunha falta, David Álvarez tíraa rasiña pegada ó poste (78´).

Aínda que os visitantes seguían apretando, sacudiuse un pouco a presión o As Pontes, que tivo varias seguidas. Un centro dende banda dereita de Álvaro que non acerta a rematar Ibu (80´), un centro chut de Pardo que pega no longueiro (81´), e un remate dun gran David González marcha pegado ó poste (82´).

Xa nos últimos minutos, nunha xogada na que Alex Cabarcos lle complica a vida a Paco, e logo provoca penalti, estivo salvador o gardameta ferrolán, que desviou o balón a córner coa perna (84´). Noutra xogada posterior é Vales o que remata ó longueiro dende fóra da área (86´).

O As Pontes non soubo aproveitar varias contras cun Barco completamente volcado ó ataque, e nun desconto excesivo, xa pasados catro minutos, o recén ingresado Brais Meco, remata, rebota o balón nalgún xogador e acaba despistando a Paco (94´), marcando o 2-2, acabando o partido nese instante, e deixando ó equipo local boquiaberto e con dous puntos menos.

Con catro puntos en nove xornadas, a seis da salvación, próxima visita ó complicado Arousa, en postos de play off, aínda que fraco favor lle fixo hoxe ó conxunto local ó perder en Castro. O Barco recibe ó Dubra.

Sexto encontro oficial no Campo de O Poboado e terceiro empate, por tres vitorias locais. O conxunto de Valdeorras viu como Edi lles empataba 1-1 o encontro o ano pasado nos últimos compases e este ano foi ó revés.

2 CD AS PONTES. Paco, Criado, Buyo, Borja, Prieto (Álvaro Rey 48´), Rubio (Alex Cabarcos 62´ Rubén 92´), Pablo Ramos, David González, Ibu,  Edi, Pardo.

2 CD BARCO. Óscar Rodríguez, Cristóbal Juncal, Deivis, Óscar Loza (Brais Meco 88´), Omar, Adil (Ramos 38´), Javi Recamán, Rubén García, Ballesteros, David Álvarez, Vales.

Árbitro: Francisco Xavier Rodríguez Campos (A Coruña). Moi tarxeteiro co equipo local, e non co rival. Auxiliado nas bandas por Ordoñez Rodríguez e Carreira Parrado. Amarelas a Pablo Ramos, Edi, Álvaro, Alex Cabarcos, Criado e Óscar Loza.

Goles: 1-0, Ibu (7´), 2-0, Edi (20´). 2-1, Vales (66´), 2-2, Brais Meco (94´).

Campo e incidencias: Campo de O Poboado. Uns 150 espectadores.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios