TERCEIRA DIVISIÓN. RIBADEO FC 2 – CD AS PONTES 2

Valioso punto do As Pontes nunha xornada na que os rivais dos postos de arrastre gañaron a domicilio, co que os ponteses manteñen seis puntos de ventaxa.

Enfrontábase o As Pontes ó Ribadeo, equipo ó que venceu en encontros oficiais en cinco ocasións en campo ribadense por dous empates contando o de hoxe e catro derrotas, a última a tempada pasada na derradeira xornada de Liga, 1-0, en que se reencontraban ambos equipos no Pepe Barrera 31 anos despois. En campo pontés dez triunfos locais e unha derrota na 1981-82.

A primeira metade foi de claro dominio do equipo local, que era o que máis gañas poñía por sacar os tres puntos. Chegaban con moito perigo os de Germán Campos, e así chegou antes Marcos que un atacante rival completamente desmarcado (20´), e despois, tras un mal pase lateral de Alex proba fortuna Iván González (23´). Respostou Bossa cunha falta que foi polo escuadro, pero do lateral da rede (24´).

Máis clara a tivo Dapo, que chegou completamente só, rematou, rexeitou Nano, o balón foi a pés de Criss que disparou, rexeitou cara atrás Marcos e sobre a mesma liña salvou Adrián (28´). Noutra contra volveu a disparar Iván González, o balón vaiselle a Marcos, paseándose pola área visitante, ata que despexa Chote (36´).

Sacudiuse un pouco o perigo o cadro pontés nunha xogada na que combinan entre si Edi e Toni, pero remata moi esquinado Pablo Ramos ás mans de Javi Liz (40´). Pero seguía chegando en bandadas o cadro local, e outro balón pasease pola área pontesa (42´) ata que ó borde do descanso, tras recibir un balón de banda dereita, remata Criss ao segundo pau, e a pesar de tocar Marcos coa luva a bola acaba entrando (44´) dando por concluido o colexiado o primeiro período.

Tempo de reflexión no descanso para un As Pontes que vía como os seus rivais directos, Ordes e Ribadumia, gañaban a domicilio, e empataba o Mugardos, así que saiu con outra cara no segundo tempo.

Nada máis comezar, Edi en boca de gol, trastabillase cando quere empalar o balón (48´), e pouco despois, e tras un córner botado por Bossa, o balón pega en Pablo Ramos e logo da no corpo do lateral esquerdo local Isma, e acaba entrando, establecendo a igualada (50´).

O Ribadeo seguía chegando con perigo e tras un despexe de balón do bravo Nano, rebota no corpo dun xogador visitante e a piques está de entrar (56´).

Chegaron uns minutos de dominio pontés, e viuse unha das xogadas bonitas do partido nun pase en profundidade dende a defensa de Chote, Óscar quédase só, e probou de vaselina, a facer o mesmo gol que conseguira ante o Barbadás, pero a bola foise lamendo o pau no que podía ser o tanto da xornada (63´). Logo é Bossa o que de falta proba e fai estirarse a Javi Liz (66´), e noutra xogada é Santi o que remata só, despexa Liz, e o posterior rexeite non o aproveita Óscar (75´).

Nunha xogada na que quedou só o incorporado ó campo David Rodríguez, regateou a Marcos, e cando se quedaba sen ángulo, a porta baleira, soltou un zapatazo que marchou a rentes de ambos paus, pero milagrosamente sen chegar a entrar (81´). Logo respostou Pablo Domínguez cun forte disparo dende fóra da área (82´). Pero físicamente o Ribadeo estaba un palmo por riba dos ponteses, e noutra xogada por banda volveu a irselle Iván González a Criado, centrou, e tras un primeiro remate rexeitado por un defensa, é Rafa Casanova quen empala ó fondo das mallas o 2-1 que parecía definitivo (83´). Décimo gol da campaña para o ex racinguista.

Pero foi ó borde do final, nunha xpogada dende banda dereita na que Javi Liz non acerta a desbaratar o perigo, despexa, e incorporándose dende atrás ó segundo pau cabecea pegado ó poste o lateral da canteira Alex Cabarcos para poñer o 2-2 definitivo a pesar duns últimos minutos que foron de toma e daca.

O As Pontes é noveno con 45 puntos e mantén seis sobre os postos de arrastre que marcan Ordes e Ribadumia. Pola súa banda queda moi descolgado o Ribadeo, penúltimo con 31. Os ponteses reciben ó Alondras, décimo cos mesmos puntos, mentres o Ribadeo visitan ó líder Boiro.

2 RIBADEO FC. Javi Liz, Coki, Isma, Brais, Alex, Dapo (Miguel Gomes 77´), Rafa Casanova, Andrés Bouza, Criss (David Rodríguez 62´), Santi, Iván González.

2 CD AS PONTES. Marcos Souto, Alex Cabarcos, Nano, Chote, Edi, Adrián, Pablo Ramos (Pablo Domínguez 77´), Bossa, Santi, Toni (Criado 54´), Samu (Óscar 54´).

Goles: 1-0, Criss (44´), 1-1, Pablo Ramos (50´), 2-1, Rafa Casanova (83´), 2-2, Alex Cabarcos (87´).

Campo e incidencias. Municipal Pepe Barrera. Campo de xogo moi embarrado. Uns 250 espectadores.

Árbitro: Manuel Casanova Cudeiro (Ourense). Auxiliado nas bandas por Rodicio González e Abadín Fernández. Amárelas ós locais Alex, Dapo e Casanova.

Nova cortesía de Xose Ferreiro e A.F.

También podría gustarte
Comentarios