TERCEIRA DIVISIÓN: AROUSA SC 2 – CD AS PONTES 1

O As Pontes non puido reter na tarde de onte o seu cinturón, e perdeu na Lomba ante o Arousa por 2-1, anque prantou cara ata o derradeiro asalto.
Volvían a enfrontarse dous equipos históricos, que non se cruzaban dende a 2001-02, tempada na que o As Pontes descendeu a Rexional Preferente Norte.
O campo de Vilagarcía de Arousa deu gusto, ateigado estaba Cangas e tamén Redondela, pero preto dun milleiro de espectadores acodiron a animar ó seu equipo, co seu Manolo do Bombo particular, incluso un canciño ía engalado coa camisola do clube. Equipos de Terceira e afeccións de Primeira. Que envexa.
arousa


Iván González dispara por alto (5´), e logo é Nando o que quere picar o balón ante a saída, pero estivo moi listo Kiko, anque o liña acabou levantando o banderín sinalando fora de xogo (10´).
Non tivo fortuna nos dous goles o As Pontes. No 25´, tras un córner, en lugar de despexar cara adiante o balón foi cara a un lado, Pillado atopou toda a súa banda esquerda descuberta, tirou cruzado, o balón rebotou en Aitor con tan mala fortuna que acabou no fondo das mallas. O locatario ex céltico volvíalle marcar ó As Pontes, como xa fixera na División de Honra Xuvenil.
Casi fixo o 2-0 o Arousa cando Esmorís non consigue impoñerse e Jonathan dispara dende fóra da área e o balón sae por moi pouco (36´). Respondeu Chicho que remata a rentes do pau (37´).
Chegan as xogadas a balón parado e botase de menos ó mago de Viveiro. Pero Iván fixo un lanzamento que firmaría o mesmo Bossa e Jorge fixo unha parada que tamén asinaría Casillas. O balón colabase polo escuadro, pero sacou a manopla para desviar a córner (42´). De pouco lle serviu porque no saque de esquina Esmorís cabeceou inapelable ó fondo das mallas chegando dende atrás e facía o 1-1 antes de chegar ó descanso.
Nos primeiros compases do segundo tempo o Arousa foi a polo gol e o As Pontes contemporizou. Avisou Nando de Cabeza (54´), e o mesmo xogador estivo a piques de marcar no 57´.
Cabeceou e Kiko recordando a Arconada salvou coa luva en primeira estancia, e na segunda xogandose o físico salvou o tiro a bocaxarro de Alfonso. Pobre del que de nada lle serviu, no córner posterior, a media altura e pegado o pau, o balón pasease por toda a área pequena, ninguén consigue despexar, e o mellor xogador do encontro, Nando, marca chegando desde atrás.
O xogador chegou so e a medio metro da porta, pero non esperaba atoparse nesa situación así que o seu remate foi frouxo e o balón entrou manseniño e con suspense.
A partir de aí o As Pontes foi a polo empate e o cadro locatario defendeuse como gato panza arriba, tiro cruzado de Chicho (67´) e Iván remata por alto (69´).
Nos últimos minutos o encontro converteuse nun corre rúas e Nando fixo un xogadón digno de Messi, cedeu franco a Cubas que rematou fóra por pouco (78´), anque semella que o liña sinalou fóra de xogo.
Preto do final Chicho gañalle a partida ó defensa e Jorge acaba rexeitando cos puños (88´), e no último minuto Dani recén saído queda so pero outra vez Jorge saca co corpo (90´).
Non se moveu o marcador e o As Pontes perdeu a coroa, Jorge Cano por unha parte (leva metade dos goles do seu equipo), e os seus compañeiros pola outra, fan líder ó Cerceda con 38 puntos, segundo o Boiro con 37, e As Pontes e Choco teñen 35.
O As Pontes despide 2013 e tamén a primeira volta recibindo ó ascendido Bertamiráns, que se estrea na categoría, pero que vai moi ben situado, undécimo con 23 puntos, e que ademáis é o segundo equipo que menos goles recibe.
Arousa SC. Jorge, Juanjo, Alex, Martín, Alfonso, Munin, Nando, Pablo Pillado, Ramón (Kike Cubas 52´), Jonathan, Eloy (Santiago 92´).
CD As Pontes. Kiko, Rochela, Nano, Pablo López, Aitor, Fidi, Iván González (Alex Cabarcos 77´), Esmorís (David Amado 64´), Arias, Chicho (Dani 89´), Pablo Domínguez.
Goles: 1-0, Pablo Pillado (25´), 1-1, Esmorís (42). 2-1, Nando (57´).
Campo e incidencias: Campo de A Lomba. Preto dun milleiro de espectadores en tarde fría e soleada.
Árbitro: Gonzalo Goyanes López (Santiago). Amoestou a Jorge, Martín, Pillado, Nano e Aitor.
arousa
arousa
arousa
arousa
arousa
Nova cortesía de Xose Ferreiro

También podría gustarte
Comentarios