UN ANO MÁIS PONTOIBO CELEBROU O SAN VICENTE
Esta fin de semana Pontoibo, barrio situado preto da vila pontesa, celebrou as súas tradicionais festas na honra de San Vicente, as primeiras do ano e unhas das de máis tradición e antigas do concello de As Pontes e arredores.
As festas comezaron o propio día do patrón, o sábado 22, cunha misa á unha do mediodía, para continuar coa sesión vermú a cargo da orquestra Alarma, que tamén amenizou a verbena xunto ó grupo Madeira.
O acto principal do domingo 23, o máis esperado polos numerosos romeiros que acoden a este santuario, foi a tradicional poxa de produtos do campo a cargo do popular e coñecido Salustiano Ameneiro, acto que tivo lugar despois da celebración da misa e da procesión e que se prolongou por máis de dúas horas. Os Trevillas puxeron a música tradicional realizando un pasacalles polos distintos lugares do barrio e a orquestra Xente Nova foi a encargada de poñer música na sesión vermú e na verbena.
A CAPELA DE SAN VICENTE
Este santuario situado preto da vila de As Pontes data de moi antigo, pois aínda que a capela foi reformada e ampliada no ano 1847, a imaxe de San Vicente ten máis antigüidade, calcúlase nuns cincocentos anos. A capela foi construída nunha zona onde apareceron restos primitivos doutras civilizacións, como un sarcófago situado á carón da capela. Nas últimas décadas sufriu reformas tanto no exterior como no seu interior, aínda que a cubrición de gran parte do adro con uralita afea o contorno deste antigo santuario.
SAN VICENTE MÁRTIR
Vicente de Zaragoza ou San Vicente Mártir foi un cura español, diácono de San Valero de Zaragoza, que foi preso e torturado por orde do emperador Diocleciano, morrendo o 22 de xaneiro do 304 ou 305. Enterrado primeiramente en Valencia, posteriormente os seus restos foron trasladados á catedral de Lisboa, cidade da que é patrón, ademais da propia Valencia, Lucena del Puerto (Huelva), Zalamea la Real (Huelva), Molina de Segura (Murcia), Ardanaz de Egüés (Navarra) e da cidade italiana de Vicenza. Os viñateiros e os fabricantes de vinagre tamén teñen como patrón a San Vicente Mártir.
Pontoibo, 23 de xaneiro de 2011 (AF)