Unha exposición multimedia itinerante amosará a vida e obra de Julio Cortázar

Lendo elcorreogallego.es:
“A presencia de José Saramago, Carlos Fuentes, e Gabriel García Márquez, fundadores da Cátedra Latinoamericana Julio Cortázar, encabeza a lista de amigos, editores, colaboradores e estudiosos de Cortázar que se reunirán do 14 ó 17 de febreiro nun coloquio para analizar a súa obra, e desfrutar dun ciclo de cine e concertos de jazz polo 20 aniversario da morte do gran cronopio.”…


…”O encontro titulado Julio Cortázar revisitado: novas lecturas, organizado pola Universidade de Guadalajara, a Universidade Nacional Autónoma de México, o Instituto Nacional de Belas Artes e o Fondo de Cultura Económica, consistirá en oito mesas de discusión, nas cales se falará da vida e personalidade de Cortázar, e do efecto da súa obra no escenario da literatura latinoamericana.
Unha exposición multimedia percorrerá o mundo no 2004, ó cumprirse 90 anos do seu nacemento e 20 da súa morte, para se internar na vida e obra do autor que revolucionou a literatura latinoamericana nos ’60. “Trátase de mostrar un Cortázar completo, como novelista, traductor, intelectual, crítico de arte, melómano, amante do boxeo, político: mostrar ó home en toda a súa integridade”, dixo Facundo de Almeida, ideólogo e director xeral da exposición.
O Ano Internacional de Julio Cortázar no 2004 comeza mañá, 12 de febreiro, no aniversario da súa morte, con actividades culturais que lembrarán ó autor de Todos los fuegos, el fuego (1966). Co apoio de Aurora Bernádez, a primeira esposa de Cortázar, que segue vivindo na súa casa de París onde conserva o legado do escritor, xa se está a preparar desde Bos Aires unha megaexposición, que percorrerá Bruxelas, París, Madrid, Santiago de Chile, Guadalajara, A Habana e Bos Aires.
De Almeida tiña 10 anos cando morreu Cortázar, pero foi facéndose admirador apaixonado e coleccionista, ata imaxinar esta homenaxe hai cinco anos, alimentado por un intercambio epistolar con Aurora Bernádez. “O desafío é transmitir o mundo cortazariano. Lograr que a través do seu percorrido, o visitante se atope nese universo que será recoñecido polos lectores de Cortázar e convidará a lelo ós aínda non iniciados en Cronopios e famas”, en alusión a un dos seus libros, dixo Liliana Piñeiro, a cargo do deseño de montaxe da mostra.
Viaxar pola súa literatura
“Trátase de viaxar, inspirados no clima da súa producción literaria, as súas preocupacións e obsesións: o fantástico, o azar, a pasaxe, a realidade que se oculta trala realidade cotiá”, detallou Piñeiro, curadora do Centro Cultural Recoleta, que albergará a mostra en Bos Aires desde o 26 de agosto de 2004.
O proxecto, elaborado por un equipo interdisciplinario e realizado polo estudio Larumbe-Ravera de arquitectura, está concibido dun modo non convencional e cun percorrido non definido de antemán, a elección do visitante, como ocorre co seu libro Rayuela. A mostra combinará linguaxe audiovisual e abundante material documental, cun guión composto exclusivamente de textos do propio Cortázar, que abordará tamén as súas definicións políticas, o achegamento á revolución cubana e nicaraguano, así como a súa paixón polo jazz e o boxeo. A exposición ten o apoio da española Universidade de Salamanca, foi declarada de interese pola Secretaría de Cultura arxentina e polo Mercosur Cultural, e conta cun sitio de internet (www.cortazar2004.org). ”
Fonte: elcorreogallego.es

También podría gustarte
Comentarios