VII XUNTANZA DE VECIÑOS DA PARROQUIA DE VILAVELLA E O SAN RAMÓN NO PARAÑO
Cunha semana de retraso á súa data habitual, o derradeiro sábado de agosto tivo lugar a carón da igrexa da Vilavella unha nova edición da xornada de confraternidade de veciños desta antano populosa parroquia pontesa. Día ó que se achegaron preto de duascentas persoas. Cumprindo a tradición, a misa foi na honra do seu patrón Santo André, xa que antigamente esta parroquia era coñecida como Santo André do Bosque e hoxe como Santa María de Vilavella. O grupo tradicional Canavella, o Dúo Suso e Calima amenizaron coa súa música esta sétima xuntanza dos veciños dunha das parroquias máis antigas do concello de As Pontes, de aí o seu nome de Vilavella vila antiga. Neste ano tamén houbo unha exposición de maquinaria agrícola.
BREVE HISTORIA DE VILAVELLA
A parroquia da Vilavella, duns 31 km2 e actualmente con 184 habitantes (93 en Saa, 29 en Vila e 18 en Maciñeira), foi unha das freguesías que máis sufriu a desaparición do seu territorio e das súas aldeas, debido á explotación da mina de carbón, como Acivido, Almigonde, A Barosa, Carracedo, A Cartilida, O Casal da Boa, A Casa Longa, O Castro da Uz, Ferreira, O Meidelo, Os Mouros, O Outeiro, A Palloza, A Parrocha, A Picheira, A Ponte da Pedra, O Portorroibo, O Ribeirón, O Vilar e a maior parte da propia aldea de Vilavella-Igrexa, lugar que hoxe está deshabitado e do que só se conserva a igrexa, o cemiterio e varias casas restauradas sen ningún uso
Na Vilavella atopáronse vestixios dos primeiros asentamentos humanos, como un vaso campaniforme (6000 e 2800 a.C.) e un torques de ouro. Tamén existen mámoas, moitas delas desaparecidas, así como un castro con tres muros paralelos de protección que estaba no lugar do Castro da Uz.
A igrexa parroquial é do século XV, sendo a súa fachada do XVIII. No seu interior conserva un retablo (s. XVIII) e unhas imaxes talladas entre os séculos XV e XVII.
Segundo o dicionario Madoz, en 1845 a parroquia da Vilavella contaba con 127 veciños e 630 habitantes, que gozaban dun clima benigno e saudable, repartidos nos lugares de Acebido, Maciñeira, Meidelo, Monte, Mouros, Sá e Vilabella. A súa igrexa parroquial estaba servida por un cura de entrada e padroado real e eclesiástico.
As súas festas celebrábanse de moi antigo a finais de agosto na honra a Santo André, pois antigamente esta parroquia era coñecida como Santo André do Bosque.
O SAN RAMÓN DO PARAÑO
No barrio do Paraño, situado preto da vila de As Pontes, os veciños celebraron o San Ramón, festas que comezaron o venres cunha verbena a cargo dos grupos Amthia e Dúo Suso, o sábado con Lembranza e Enclave, grupo que repetiu a sesión vermú do domingo. Tamén houbo funcións relixiosas na honra do santo na pequena capela situada no lugar.
A romaría de San Ramón do Paraño ven de moi antigo, algúns datan a súa antigüidade en catro séculos e antano tiña un gran arraigo na comarca das Pontes e arredores, a onde acudían devotos para cumprir coas súas promesas, en especial as nais que recentemente pariran, xa que San Ramón Nonato é o santo dos partos, parteiras, nenos e embarazadas.
As Pontes, 2 de setembro de 2013 (AF)
Nova cortesía de A.F.