Voceiro do BNG das Pontes

Voceiro do mes de xaneiro do BNG

AS PONTES E OS BENEFICIOS SOCIAS EN ENDESA

Despois de máis dun ano de negociación colectiva e de rachar a Mesa Negociadora, a Dirección de Enel-España (Endesa) comunicou ao persoal activo, prexubilado e pensionista as novas condicións que afectan aos seus beneficios sociais, tirando proveito da Reforma Laboral do 2012 aprobada polo PP e que aínda non foi derrogada polo PSOE.

Sobre a manipulación informativa de Enel-España, vendendo como supostos privilexios o que son dereitos sociais e do conflito que esta situación abre na nosa vila, só queremos facer tres apuntamentos:

  1. Historia do sindicalismo en As Pontes. No noso pobo desenvolveuse un inmenso traballo sindical, non exento de conflitividade e represión (Pontedeume), pero que aportou significativos logros: Plan de Desenvolvemento (Penapurreira, autovía, estrada As Pontes-Cabanas, creación de empresas, ciclos formativos, etc.), Plan do Carbón; de feito, a Reconversión realizada co peche da Mina motivou o interese de axentes político-sindicais doutras partes do estado, e pódese comparar con calquera outra reconversión industrial, mesmo co que pasou no sector naval, a moi poucos quilómetros, sendo Astano tamén unha empresa pública.
  2. Beneficios sociais. Nos sucesivos Convenios de Endesa sempre se lle deu moita importancia ao mantemento dos Beneficios Sociais (salario en especie), que son iguais para todo o cadro de persoal, sen distinción de categorías, por iso, teñen máis valor para os salarios máis baixos; lembremos que hai persoal pasivo con moitos anos ou situacións de viuvez con nóminas por baixo dos mil euros, e nestes casos a tarifa de empregado/a ten un moi importante peso na súa economía, o mesmo quer acontece co beneficio da axuda de estudos en familias numerosas.
  3. Economía Local. De levarse a cabo a pretensión de Enel-España (Endesa), estímase que o pobo das Pontes perdería uns ingresos anuais duns 4 millóns de euros, nun momento de declive económico máis que evidente; por iso, o Concello, que tanto presume de boas relacións con Endesa e que “tragou” con toda canta propiedade da que quixo desfacerse Endesa, debera facer valer o seu peso institucional, demandar de Endesa un diálogo ao máximo nivel cos Colectivos de Prexubilados/as e Pensionistas das Pontes e, de non ter resposta, actuar en consecuencia.

RESIDENCIA DE MAIORES: QUE ESTÁN A FACER?

Logo de rexeitar, unha si e outra tamén, todas as propostas do BNG para a posta en marcha da Residencia, decidimos preguntar na Xunta polos trámites que ten feito o PSOE; a resposta foi a seguinte:

11 concelleiros, 5 con dedicacións, 2 asesores, 12 anos de maiorías absolutas, … e non son quen de solicitar as autorizacións para a Residencia. Noutros Concellos, con moitos menos recursos, están a ofertar o servizo para o seus veciños e veciñas, despois de aportar os terreos e 200.000 euros. Pero claro, para o PSOE todo ten que ser MÁIS: máis CUSTO e máis TEMPO. Mentres, estamos sen Residencia.

NON HAI SOLO INDUSTRIAL PÚBLICO

Por primeira vez en máis de 30 anos non temos solo público industrial.

Tivemos moitos anuncios sobre: Parque Tecnolóxico da Vilavella, Polígono de Aparral, Polígono de Portorroibo, ampliación de Penapurreira, pero realidade ningunha. Os proxectos de ampliación ou nova instalación de empresas locais están paralizados, co risco de que marchen cara outros concellos.

AXUDAS AO TRANSPORTE: APROBADA A MOCIÓN DO BNG

No Pleno de xaneiro aprobouse, por unanimidade, unha proposta do BNG para que o alumnado universitario, de ciclos formativos oficiais ou de modalidades de bacharelato non ofertadas nas Pontes, poida ter axudas municipais para sufragar o gasto derivado do transporte a outras localidades, mediante un sistema de bonobús ou de subvención, con criterios, entre outros, de renda.

No caso do bonobús a axuda sería do 50% do billete, mentres que o importe da subvención noutros concellos ten un máximo de 450 euros.

Unha vez aprobada, teremos que esperar a que o Concello elabore, aprobe e publique as bases e proceda á convocatoria das axudas.

También podría gustarte
Comentarios