6.-ALGUNHAS APLICACIÓNS DAS PLANTAS (I)

Nestes apartados imos ver algunhas anomalías específicas e remedios que ten a fitoterapia para eles.


1-A CELULITES: A celulites non é soamente un problema estético, senón que se trata dunha enfermidade metabólica caracterizada por unha alteración das células do tecido adiposo (adipocitos), as que, o non producirse nelas a drenaxe axeitado, inflámanse, aumentan e adquiren mais rixidez do normal, causando por compresión un problema circulatorio e linfático, ademais do consecuente problema estético. Constitue unha doenza moi cotiá nas mulleres, e unha das principais fontes de preocupación persoal, dado que a maioría soen padecela a partires da adolescencia.
Síntomas: Sensación de pesadez nas pernas por estancamento dos líquidos, formigueo, acumulación de material de desfeito nas células ou simplemente asintomática (Celulites edematosa). Formación dos nódulos, persistencia das marcas de presión dos dedos sobre da zona afectada. Incapacidade de deslizamento suave dos dedos sobre da zona enferma. (Celulites fibrosa). Aparición, xeralmente na parte lateral das coxas e nas mesmas cachas, duns avultamentos irregulares da pel (O que se coñece coma pel de laranxa). (Celulites esclerótica).
Causas: Hormonais. Unha producción hormonal superior a do normal pode desencadear ou empeorar a celulites. Estes cambios hormonais prodúcense en certos momentos da vida da muller, como poden ser a preñez e tamén a pubertade. A inxesta de productos con contido hormonal, coma os estróxenos das píldoras anticonceptivas, poden levar a desencadeala ou empeorala.
Herdanza: Teñen unha predisposición natural a padecer esta enfermidade aquelas persoas cuxos ascendentes xa padeceran dela. Teríase que vixiar a alimentación dende a infancia naquelas persoas que mostran esta predisposición especial por herdanza.
Falla de exercicio: O sedentarismo pode ser unha das causas que a empeoren. O exercicio, ademais de eliminar graxa, é un bo xeito de activar a circulación e conseguir mellorar o metabolismo das graxas. Alén diso, un bo xeito de ataca-la enfermidade, é aplicar de cotío masaxes que drenen a linfa da zona afectada.
O estres: A tensión acumulada no corpo pode producir unha falla de calidade na circulación periférica coa conseguinte perda de rego no sangue que impide a eliminación dos materiais de desfeito.
Alimentación: Unha alimentación desaxeitada, demasiado rica nas calorías, carreta a aparición da obesidade, coa conseguinte acumulación de tecido adiposo que favorece o empeoramento da celulites. Cabe resaltar, nembargantes, que obesidade non é o mesmo que celulites. Incluso mulleres moi delgadas poden presentar esta enfermidade. Existe unha relación bastante dereita entre o consumo de sal e maila celulites. A sal axuda ó corpo a reter líquidos, polo tanto unha dieta baixa no sodio e con abondosa inxestión de auga facilita a eliminación dos nódulos celulíticos.
Vestidura pouco axeitada: Utilizar un vestido non axeitado, demasiado preto do corpo pode facer diminuí-la corrente sanguínea, favorecendo a retención dos líquidos.
Fitoterapia: Unha dieta axeitada, aplicación de masaxes drenantes e unha fitoterapia axeitada son as claves principais para impedir a aparición desta anomalía ou mellorala. A función principal da fitoterapia consiste en usar daquelas plantas cuxa finalidade traducirase en: Aumenta-la diureses, axudando os riles a eliminar auga do corpo. Estimular as funcións endócrinas, regulando os ciclos hídricos. Axudar ó fígado no metabolismo das graxas. Favorece-la circulación.
Uso Interno: Plantas diuréticas:
-Bidueiro: (Betula Alba) Cocemento durante 5 minutos de 50 gr. de carapela por litro de auga. Tomar 6 culleradas ó día.
-Albardín: (Spartium Junceum) Infusión de media culleradiña de flores secas por cunca de auga. Arrefriar e tomar unha cunca ó día. ¡¡¡ Non excede-la doses porque, en doses superiores é tóxica !!!
-Cardo corredor: (Eryngium campestre) Cocemento de 50 gr. de raíces secas por litro de auga. Tomar 3 cuncas no día.
-Cebola: (Alium cepa) Comer a cebola cru en ensaladas ou cocida co caldo. Moer 150 gr. de cebola e mesturar có dobre de viño branco seco. Engadir 75 gr. de mel. Tomar 4 culleradas no día.
-Cereixo: (Prunus Avium) Come-los froitos maduros entre das comidas. Cocemento durante 1/4 de hora de 50 gr. de pedúnculos secos por litro de auga. 3 cuncas ó día.
-Cola de cabalo: (Equisetum arvense) Cocemento durante 30 minutos de 100 gr. da planta seca por litro de auga. Poñer unha culleradiña por vaso de auga, tres veces no día.
-Dente de león: (Taraxacum officinale) Cocemento durante 1/4 de hora dunha presa de follas e raíces secas nun litro e medio de auga. Tomar unha cunca antes de cada comida. Ensalada de follas frescas.
-Fresa: (Fragaria vesca) Infusión durante 45 minutos de dúas culleradas pequenas de rizomas e follas secas por cunca de auga. 4 cuncas no día.
-Faba: (Vicia Faba) Cocemento de 10 gr. de flores secas en 1/4 de litro de auga. Bebe-la cantidade que se desexe) ou as vainas frescas. En dobre proporción da planta fresca vista anteriormente. Tomar a cantidade que se desexe.
-Fiúncho: (Foeniculm officinale var. Dulcis) Cocemento durante un cuarto de hora de 25 gr. de raíces secas por litro de auga. Tomar 3 cuncas ó día.
-Loureiro: Infusión dun par de follas nunha cunca de auga durante 10 minutos. 4 cuncas ó día.
-Ortiga: (Urtica dioca) Infusión dunha cullerada de planta seca por cunca de auga. 4 cuncas ó día.
-Xesta: (Cytisus Scoparius) Cocemento durante 5 minutos dunha culleradiña de flores secas por cunca de auga. Arrefriar e tomar unha cunca ó día. ¡¡¡ Perigoso !!!
-Bieiteiro: Sabugueiro:(Sambucus nigra) Cocemento durante 10 minutos de 100 gr. de carapela seca por litro de auga. 4 culleradas diarias.
-Sarxa: (Salvia officinalis) Infusión dunha cullerada da planta seca por cunca de auga. 4 cuncas ó día.
-Cárdencha: (Dipsacus fullonum) Tres cuncas ó día coa infusión de 30 gr. de raíz por litro de auga. Verter a auga sobre da raíz e deixala repousar 15 minutos.
Plantas para o fígado:
-Dente de león: (Taraxacum officinale) Cocemento de 100 gr. de raíces nun litro e medio de auga. Tomar tres cuncas ó día.
-Alcachofa: (Cynara Scolymus): Infusión de dúas culleradas de follas secas por litro de auga, tres veces ó día, antes das comidas.
Plantas para regula-las hormonas:
-Milfollas: (Achilea millefolium) Infusión dunha cullerada de sumidades florais por vaso de auga. Tomar un par de vasos ó día.
-Fucus: (Fucus vesiculosus) Tomar 2 comprimidos ó día.
-Té: (Camellia sinensis) Infusión da planta seca. Tomar dous vasos ó día.
Plantas que favorecen a circulación:
-Malva: (Malva silvestris) Infusión dunha culleradiña de flores e de follas por cunca. Dúas cuncas ó día.
-Cola de cabalo: (Equisetum Arvense) Tisana coa cocción durante 20 minutos de 10 culleradas da planta seca. Tres cuncas ó día.
Uso externo: A mellor solución consiste en aplicar aceite de plantas aromáticas para favorece-la circulación e aumenta-la drenaxe linfática. Entre todos eles poderíamos mencionar o das plantas seguintes: Sarxa, limón, romeo, verbena, eucalipto.

También podría gustarte
Comentarios