Decreto do carbón, segunda parte por Fernando Blanco

[La Voz de Galicia] Hai un ano que o nacionalismo galego denunciaba as consecuencias que o Decreto do Carbón ía ter no emprego e na economía galega; xerándose desde ese momento unha serie de actuacións sociais, institucionais e xurídicas, co obxectivo de paralizar esta decisión política. Neste tempo asistimos a postura que, desde Galiza, parecían contraditorias, mais ao final foron esclarecedoras.


Vimos como determinados partidos dicían unha cousa no país e votaban o contrario en Madrid, e no campo sindical as organizacións estatais pasaron dun inicial silencio cómplice ao apoio puro e duro ao Decreto. Logo, como medida de distracción e para paralizar o rexeitamento que ocasionaba na sociedade galega, o Goberno do Estado artella unha Comisión de Seguemento onde case todos os representantes son do PSOE; ou sexa, dos mesmos que aprobaron o Decreto.
A partires dese momento, máis discretamente, o ministro de Industria planificou unha estratexia dirixida a desmontar toda a oposición al Decreto.
O PSOE, co apoio da patronal Carbunión, IU e os sindicatos estatais, baixo un interese claramente partidario (non esquezamos que hai eleccións en Asturias, Castela-León ou Aragón), quer provocar un movemento de presión externa sobre Galiza pola demora da aplicación do Decreto, tachándonos de insolidarios, cando a nosa proposta de modificación do Decreto só esixe un reparto das consecuencias negativas pola súa implantación. U-la Insolidariedade? Mais unha vez, tamén desde Galiza empezan a darse movementos para favorecer a posta en funcionamento do Decreto; anúncianse supostas compensacións, desde o funcionamento só dun mínimo técnico ata a inclusión no futuríbel Plan do Carbón, algo ao que xa deberamos ter dereito como comarcas mineiras en reestruturación; pero é ben coñecida a habilidade do Goberno do Estado en converter os dereitos en concesións graciábeis.
Por iso, terá que ser o nacionalismo o que retome o camiño da resposta social e institucional á aplicación desta medida política que lesiona a nosa economía. Como fixemos contra do pacto antisocial sobre das pensións, cómpre agora mobilizarnos contra un Decreto do Carbón que empobrece a nosa comarca e xera máis paro. E aquí non caben ambigüedades: ou se está co futuro da comarca, ou se está en contra.

También podría gustarte
Comentarios