Amigus
As Pontes

Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes anima a todos os veciños a participar na última das concentracións pola mellora da sanidade pública local

A plataforma veciñal Xunt@s por As Pontes convoca unha nova concentración para o luns 23 de outubro, dende as 9.00 ata as 11.00, en reclamación dunha sanidade pública e de calidade en As Pontes.

Tamén continúa a recollida de sinaturas ata o 1 de novembro e anima ás veciñas e veciños a presentar reclamacións no Punto de Atención ao Paciente.

Dende a plataforma veciñal Xunt@s por As Pontes véñense realizando nas últimas semanas protestas en reclamación dun funcionamento adecuado do centro de saúde local. Protestas que continúan este luns día 30, dende as 9.00 ata as 11.00h ás portas do dito centro sanitario.

Dende a xerencia do centro de saúde comunícannos que as medidas de presión foron determinantes para que se cubrisen as baixas e vacacións do persoal, o que fixo diminuír os tempos de agarda para consulta. Agradecemos a todos os veciños e veciñas a súa colaboración e apoio.

Así é todo, seguimos animando a participar na protesta de mañá luns para conseguir que no noso centro de saúde se reciba unha atención de calidade. No último ano a actividade asistencial incrementouse nun 6,47% con respecto ao anterior. Isto qué quere dicir? Pois que o mesmo persoal, nas mesmas horas de traballo, tiveron que atender a máis persoas. Hai que engadir que as funcións que desempeña cada profesional na consulta se veñen incrementando nos últimos tempos froito das novas normativas. Polo tanto, no canto de emitir un diagnóstico coas máximas garantías, emítese de xeito sesgado e mal informado, o que repercute na calidade da atención aos pacientes.

Por outra banda, dende o centro de saúde tamén nos indican que en relación aos problemas co farmacéutico e a atención a domicilio, non lles constan protestas. Animamos a toda a xente que se vexa afectada por estes ou outros problemas, a que presenten reclamacións no Punto de Atención ao Paciente. Se non constan queixas é como se non existise o problema, polo tanto, non poden poñerlle solución.

Animamos tamén, por último, a asinar nas follas que hai no centro de saúde e en diversos establecementos locais para solicitar á Xunta que tome as medidas necesarias para garantir un funcionamento óptimo do centro de saúde e unha atención de calidade aos veciños e veciñas.

A sanidade pública é un servizo básico e esencial, que nos afecta a todas. Non podemos quedar impasibles ante os recortes e a merma dos nosos dereitos.

También podría gustarte
Comentarios