Amigus
As Pontes

Nota de prensa XPAP: Xunt@s por As Pontes anima a todas as mulleres a que secunden a folga do #8M

Dende XPAP tamén esixen o Concello que apoie a convocatoria e garanta os medios de difusión e información á veciñanza precisos; que garanta a participación na folga das traballadoras municipais; que suspenda os actos institucionais precisos para facer efectivo o dereito a folga e que pendure do balcón da Consistorio a bandeira feminista dende o 1 ao 9 de marzo.

Anima tamén á participación na manifestación do 4 de marzo en Vigo e amosa o seu apoio a todos os actos que se celebren con motivo do 8 de marzo, especialmente ás mobilizacións e actividades convocadas polos sindicatos, entidades e colectivos locais.

A plataforma veciñal Xunt@s por As Pontes chama á mobilización das mulleres o vindeiro 8 de marzo para revindicar a igualdade en tódolos ámbitos da vida, e fai un chamamento a parar nos traballos, nos coidados, no consumo e no ensino durante todo o día. A folga é lexítima e legal, as mulleres que decidan facela están amparadas pola convocatoria de varios sindicatos a nivel nacional e estatal.

Xunt@s por As Pontes fai tamén un chamamento aos homes para que asuman todas as labores que a cotío realizan as mulleres e que contribúan á folga: facilitando que as compañeiras de traballo poidan asistir ás manifestacións, facendo as tarefas da casa, realizando as labores de coidados.

Ademais do apoio explícito a esta folga legal e lexítima e aos colectivos feministas que a promoven, así como a todas as actividades e mobilizacións que se leven a cabo no ámbito local e comarcal, Xunt@s por As Pontes presentará nos vindeiros días varias iniciativas para esixir ao Concello de As Pontes:

• Apoio total á Folga Xeral das Mulleres, así como ás xustas reivindicacións, mobilizacións e accións convocadas polo movemento feminista para este #8M.

• Facilitar os medios materiais e de difusión dispoñibles para dar a coñecer as manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoque o movemento feminista con motivo do 8 de marzo.

• Adoptar todas as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito fundamental de folga previsto na Constitución e na lei, por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á Folga Xeral das Mulleres.

• Suspender todos os posibles actos institucionais no concello, tales como plenos municipais, comisións informativas, xuntas de voceiras ou calquera outra actividade institucional que poida intervir na participación en dita folga.

• Colocar a bandeira feminista na sede do Concello do 1 ao 9 de marzo como símbolo de apoio á loita das mulleres.

O 8 de marzo: non se traballa, non se coida, non se consume, non se estudia. Sen a metade da poboación párase o mundo!

As Pontes, 23 de febreiro de 2018

Xunt@s por As Pontes
Máis información en www.xuntosporaspontes.com

También podría gustarte
Comentarios